As Pepitas, cen por cen ferrolás, regresan renovando irmandamento con Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Celebración das Pepitas en Ferrol

Celebración das Pepitas en Ferrol

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta tarde os actos institucionais de irmandade con Mondoñedo e do Día das Pepitas, que se desenvolveron no Teatro Jofre. O programa se iniciou coa recepción á delegación municipal da vila mindoniense que estivo encabezada por Esperanza González Martín, que exerceu de alcaldesa en funcións; así como ás madriñas e rondallistas homenaxeados este ano: Manuel Pardavila López e Pedro Paz Freire, que forman parte de “Añoranzas”; Manuel Arribe Lamas, de “Club de Campo”; e Juan Hernández Martínez, fundador da rolda “Añoranzas”.

Na súa intervención, o primeiro edil da cidade destacou que esta é a segunda edición en que As Pepitas se celebran co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, ao tempo que incidiu no carácter singular desta celebración “cento por cento ferrolá”. Así mesmo, Rey Varela referiuse ao feito de que As Pepitas coincidan coa renovación dos lazos de irmandade con Mondoñedo, “unha cidade coa que estamos irmandados de maneira oficial dende que un 18 de marzo de 2004 os nosos pobos decidiran estreitar vínculos, como antes fixeran dous dos nosos escritores máis ilustres: don Gonzalo Torrente Ballester e o xenial Álvaro Cunqueiro”, dixo

“Somos unha cidade cunha fonda tradición musical, pero a data de hoxe ten unha significación especial para nós como ferroláns xa que poñemos en valor unha celebración que di moito da nosa cultura”, manifestou o rexedor. Neste sentido, Rey Varela apuntou que a festa das Pepitas “é o resultado do esforzo e do traballo de moitos homes como os que hoxe nos acompañan neste escenario; que dedicaron e dedican a súa vida a perpetuar unha celebración que durante décadas convertiu o noso Ferrol no berce da música tradicional popular”. E, ao fío disto, engadiu que “a música, como as letras, forman parte do noso ADN como pobo. As nosas orixes como cidade Ilustrada marcaron o devir da que foi, é e será a cidade de Ferrol no eido cultural. Por iso en datas como a de hoxe os ferroláns podémonos sentir orgullosos, e celebracións como esta das Pepitas contarán sempre co apoio da Corporación Municipal”.

Irmandade con Mondoñedo

O alcalde de Ferrol desexou aos concelleiros de Mondoñedo e veciños deste municipio que visiten estes días Ferrol que “se sintan como na súa casa, ao igual que estamos os ferroláns cando imos á Feira das San Lucas”. “Ferrol e Mondoñedo asinaban hai once anos un pacto de irmandade. Un acordo entre dous pobos que de vello veñen mantendo uns fortes lazos de amizade; e tamén históricos, culturais e mesmo espirituais e relixosos”.

Por último, Rey Varela insistiu na importancia de manter e conservar unha tradición como As Pepitas que se remonta segundo os expertos a finais do século XIX, se ben a súa celebración de xeito ininterrompido data do século XX. “Por iso é de xustiza que cada San Xosé, desde esta institución lles rindamos unha sentida homenaxe a todas as persoas que manteñen viva esta festa tan singularmente ferrolá; por conservar unha tradición que dí moito de nosoutros, da nosa cultura e tamén das nosas xentes. Somos un pobo aberto, plural, herdeiro da ilustración que gosta de manter vivas as súas tradicións e irmandamentos”, concluíu Rey Varela.

Despois das intervencións, da entrega dos agasallos institucionais -o rexedor ferrolán fíxolle entrega a súa homóloga mindoniense dunha reproducción do Auditorio de Ferrol- e da homenaxe aos rondallistas, os actos no Teatro Jofre remataron coa actuación da Rondalla Sonidos del Alba.

Festa popular

E trala conmemoración no Jofre, deu comezo o festexo máis popular desta centenaria tradición declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Primeiro tivo lugar a concentración das rondallas na praza de Galicia -Añoranzas, Bohemios, Club de Campo, Sonidos del Alba, Trovadores de Ares, Rondalla Mugardesa, Lucero del Alba, e a Rondalla de Cariño-; para posteriormente percorrer as rúas da cidade. E en torno ás 20:30 horas comezará na praza de Amboage o tradicional concerto de rondallas, que se prolongará até as 23:00 horas aproximadamente.

Este ano un grupo de quince touroperadores internacionais e nacionais son testemuña desta celebración singularmente ferrolá. Neste grupo están expertos procedentes de México, Estados Unidos, Holanda, Polonia e Cataluña. Ademais de presenciar as roldas das Pepitas pola cidade, aproveitaron a súa estancia en Ferrol para facer unha viaxe en lancha pola ría, e coñecer o castelo de San Felipe e Exponav.

19 de marzo de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.