As obras do aparcadoiro disuasorio de Lonzas comezarán en maio e estarán rematadas este ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar as obras do aparcadoiro disuasorio de Lonzas, no Concello da Coruña, por un importe de máis de 560.000 euros á empresa Arias Hermanos Construcciones. Así, toda vez que se asine o contrato, os traballos poderán iniciarse en maio. O prazo de execución é de seis meses, polo que a previsión é que este mesmo ano estean rematadas.

Trátase dunha infraestrutura que disporá de máis de 170 prazas de aparcamento e que conta cunha excelente conexión coa rede viaria de accesos á cidade herculina, feito que incidirá moi positivamente na mellora da mobilidade dos seus cidadáns. Este novo aparcadoiro tamén favorecerá a accesibilidade das persoas que se acheguen ata A Coruña, incidirá no uso do transporte público e facilitará o intercambio entre medios de transporte.

O aparcadoiro executarase nunha parcela proposta polo Concello da Coruña, expropiada polo Ministerio de Fomento para a execución das obras da autovía de acceso á Coruña (AC-14), no tramo Lonzas-A Zapateira. O espazo atópase no contorno da glorieta de conexión da AC-14 coa Ronda de San Cristovo, na zona de San Cristovo das Viñas. Esta localización permítelle unha boa conexión coa rede viaria de accesos á cidade da Coruña a través da autovía AC-14 no nó de Lonzas e da avenida Salgado Torres.

No relativo á súa urbanización, prevese a colocación de zonas verdes nos espazos libres do aparcadoiro para mellorar a estética e a drenaxe profunda, utilízase na zona de aparcadoiro pavimento de adoquín de formigón con ocos que permiten o crecemento de céspede, e tamén se iluminará a parcela con sistemas de iluminación led de baixo consumo. A actuación compleméntase coa reposición dun camiño peonil existente na actualidade, que serve para o acceso dos veciños de San Cristovo das Viñas á zona da igrexa.

A Xunta destaca que este tipo de actuacións fomentan a mobilidade urbana e interurbana sustentable, mellora as condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas ao promover infraestruturas que faciliten o intercambio entre modos de transporte e potencien a utilización de medios de transporte públicos e os desprazamentos menos contaminantes.
 

26 de marzo de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.