publicidade hoxe

As “Miradas novas” das mulleres de San Sadurniño abren os actos do 8 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

23 instantes sobre o paso da vida. 23 fotografías de grande valor social pola implicación e a ilusión de quen se puxeron detrás da cámara rompendo prexuízos de idade e xénero. “Miradas novas” é unha exposición fotográfica feita por mulleres -a máis moza con 56 anos e a menos moza con 88- que participaron nun obradoiro impartido en setembro polo fotógrafo Gabriel Tizón coa colaboración da responsable da aula CeMIT, Carmen Suárez, e da técnica de Igualdade, Verónica Rodríguez. Tres persoas que, como dixo unha das participantes no proxecto, “valen moito”.

Durante o acto de inauguración da exposición -o sábado á tarde- Secundino García mostrou a fachenda do Concello por contar con persoal como Carmen e Verónica “que son un luxo para San Sadurniño”, destacando “o traballo transversal enorme” que desenvolven estes departamentos “para romper a fenda dixital” e para que as persoas -especialmente as mulleres- “se dean conta de todo o que se pode facer”. Secundino García agradeceu, ademais, a implicación de Gabriel Tizón:”para nós é un orgullo que unha persoa coma el nos brindase a súa colaboración”, dixo o rexedor. 

A iniciativa xurdiu dun obradoiro impartido por Tizón como actividade paralela dos obradoiros de memoria do ano pasado en colaboraron do departamento municipal de Igualdade e a Aula CeMIT, que lograron casar o exercicio da mente coa fixación da memoria e da realidade colectiva a través da fotografía. 

Armadas con cadansúa cámara fotográfica e cos conxellos prácticos de Tizón, 23 mulleres de entre 56 e 88 anos metéronse na aventura de retratar o seu territorio desde unha óptica a medio camiño entre o documental e o creativo. A maioría delas nunca tiveran unha cámara nas mans, polo que as fotografías da exposición móstrannos o interesante exercicio de “mirar de novo” a vida cotiá. 

O resultado son 23 instantáneas 30×40 que reflicten a vida como postais naïf do territorio e da súa xente. Tendais con roupa abaneada polo vento, cans solitarios que desafían a cámara, composicións caprichosas de obxectos aparentemente insignificantes, retratos, mans curtidas polo tempo e o traballo, a paisaxe… todo ten cabida nestes pequenos fragmentos da realidade capturados e elixidos polas propias fotógrafas rompendo o medo á tecnoloxía e co valor engadido da naturalidade visual. “O resultado é marabilloso”, asegurou a dinamizadora dixital Carmen Suárez, quen tirou a conclusión de que a experiencia serviu -gracias á axuda de Tizón- para que as mulleres “mirasen o que teñen diante todos os días”. Pola súa parte, o fotógrafo ferrolán puntualizou que a súa intención “é compartir o meu oficio” e que a experiencia foi para el “un aporte de ilusión” polo seu traballo.

“Miradas novas” botará todo o mes na galería do Concello e despois todas as fotografías que compoñen a exposición converteranse nun mural que se colocará nunha das paredes da sede consistorial como recordatorio da capacidade de superación feminina.

Canda á exposición, a aula CeMIT fixo un pequeno video sobre o proceso de aprendizaxe e creación das mulleres participantes no proxecto. Xa está publicado en youtube e nel non só podemos ver as fotografías do making of, senón tamén escoitar as testemuñas das protagonistas expresando “a alegría tan grande” por participar nun obradoiro que lles permitiu aprender a retratar cousas “que antes non nos chamaban a atención pero que teñen moita importancia”.

Teatro en Lamas e na Casa da Cultura

O propio Día Internacional da Muller, o domingo, os actos conmemorativos -ou reivindicativos- estiveron protagonizados polo teatro. En Lamas a asociación de veciños organizou a representación “Miña casa, meu lar” protagonizada pola actriz Ana Hermida. A intérprete meteuse no papel dunha muller en distintas situacións para facer unha crítica aceda e humorística das barreiras que a sociedade aínda debe tumbar. 

Unha liña que seguiron as tres protagonistas da obra “Raíñas”, traída á Casa da Cultura tamén na tarde do domingo pola compañía Oquetiqueiras. Dirixidas por Luís González Ramos, Fernanda Martínez -María Fríxida-, María Polo -Patricia Avaricia- e Eva Castro -Mercedes Zorrilla-, mostraron sufrimento e inconformismo co contrapunto de facelo a través dunha divertidísima crítica social. 

Máis actividades

Os actos co gallo do 8 de marzo continúan este mércores na Casa da Cultura a partir das 16.30h. cun curso sobre muller e saúde. A sesión fará unha introdución á menopausa e a osteoporose, á importancia das revisións xinecolóxicas e mamarias, os factores de risco, a fisiopatoloxía e tamén sobre a necesidade de levar unha alimentación equilibrada acompañada de exercicio físico como forma de gozar de boa saúde en cada momento da vida.

O evento central de conmemoración do Día Internacional da Muller terá lugar no mesmo sitio o sábado 28 de marzo. Ese día a partir das 18 horas proxectarase a curtametraxe producida pola realizadora Xisela Franco dentro do proxecto Chanfaina Lab e protagonizado pola veciña de Ferreira Cruz Piñón. A curta -titulada “Cruz Piñón”- será presentada pola autora e a protagonista. 

No mesmo acto tamén se proxectará o video “Mulleres”, froito do traballo da responsable da Aula CeMIT Carmen Suárez, que xuntou nun audiovisual as achegas fotográficas e faladas de 38 mulleres das diferentes parroquias. Nel ofrécese a súa visión sobre o San Sadurniño do pasado, mellor dito, do San Sadurniño das mulleres do pasado por medio dun relato acompañado de instantáneas daqueles tempos. Este proxecto tamén estivo enmarcado nunha colaboración da Aula CeMIT co programa municipal de Memoria Activa. A celebración do día da Muller pechará cunha “sorpresa musical” na que participarán todas as protagonistas destas iniciativas.

9 de marzo de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.