publicidade hoxe

As ‘Lúas de outubro e agosto’ de Guadi Galego brillarán no Salón García

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A cantante Guadi Galego subirá mañá, sábado, ao escenario do Salón García para presentar o seu último traballo discográfico “Lúas de outubro e agosto”. A que fora a voz principal e tamén gaiteira doo grupo Berrogüetto e na actualidade unha das artistas máis relevantes da escena musical de Galicia. O seu concerto comezará ás nove da noite e as entradas pódense adquirir a partir das sete no mesmo Salón García (Casa de Cultura da Rúa rey Daviña). O prezo é de 5 euros.

Guadi Galego estará acompañada en Vilagarcía por unha banda integrada por músicos do nivel de Guillerme Fernández (guitarra) e Isaac Palacín (batería), antigos compañeiros de Guadi en Berrogüetto, ou Paco Charlín (baixo).

Unha versión máis pop

A cantante, vocalista orixinal da mítica e xa desaparecida banda Berrogüetto, iniciou a súa carreira en solitario en 2009 co disco Benzón. A finais do ano pasado publicou Lúas de Outubro e Agosto, álbum que se converteu no gran éxito da música galega de 2014 ao vender máis de 3.000 copias en pouco máis de mes e medio dende o seu lanzamento. A cifra -xunto ao número de visionados do seu videoclip Matriarcas, que xa superou as 65.000 visitas na rede- demostra o interese que suscita o traballo musical da cantante que, nesta ocasión, preséntalle ao seu público unha versión máis pop de si mesma. Un pop que a propia Guadi define como “pop de autora un chisco sofisticado e con arrecendo a música popular”.

Lúas de Outubro e Agosto contén fermosas cancións cun nexo común, a natureza das composicións, a esencia do vivido e madurado, a emoción e a intensidade, a delicadeza e o risco. Todo un exercicio de inspiración para encontrar vías non exploradas e propoñer unha música chea de sinceridade que sen dúbida está a callar no público.

En Vilagarcía, Guadi Galego terá un dos primeiros contactos en directo co público, xa que será a segunda parada da súa xira de presentación. Até este mes de marzo, Guadi Galego só presentara os seus novos temas ao vivo no mes de decembro do pasado ano, momento en que presentou no Culturgal nun pequeno concerto o seu novo disco, converténdose nunha das citas máis destacadas da Feira Galega das Industrias Culturais. Agora, en Vilagarcía, terá a oportunidade de conectar co público nun espazo tan destacable como o Salón García.

6 de marzo de 2015 | 13:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.