publicidade hoxe

As bibliotecas de Oleiros estarán cheas de actividades ao longo de toda a próxima semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

Dentro da programación da Hora do conto que se está a levar a cabo nas Bibliotecas Municipais de Oleiros, o martes, día 17 de marzo, na Biblioteca Municipal Federico García Lorca de Montrove, actuará a compañía Pavís Pavós con “Contos que deixan pegada”. O xoves, día 19, na Biblioteca Central Rialeda a compañía Trinke Trinke levará a cabo a actuación “O xornal de Lonxedetodo”. As dúas funcións están dirixidas a nenas e nenos de 3 a 10 anos.

O mércores, día 18, na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, o actor Ramiro Neira contará “Glub!”, para nenas e nenos de 1 a 4 anos, na que xa está completa a capacidade. Todas estas actividades terán lugar ás 18:30 horas.

Os obxectivos que se intentan conseguir son que as nenas e os nenos participantes se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito, que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos, ao mesmo tempo que se fomenta a imaxinación e a creatividade.

A rede municipal de bibliotecas, nesta semana, tamén levará a cabo as seguintes actividades de promoción da lectura dirixidas a alumnado dos centros de ensino público de Oleiros: Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, o día 17 de marzo, ás 10:15 horas, o contador de contos Caxoto relatará “Un conto de tres noites” baseada nunha adaptación da obra do escritor Xabier P. Docampo. Dirixirase ao alumnado de 4º de primaria do colexio Luis Seoane de Mera. Tamén na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, o día 18 de marzo, ás 10:15 e ás 12.00 horas, levaranse a cabo dúas sesións de contacontos “Bailar nas nubes” a cargo da actriz Soledad Felloza, dirixidas ao alumnado de 1º e 2º de primaria do colexio Luis Seoane de Mera.

Os obxectivos que se persegue con esta iniciativa son fomentar a lectura e promover o uso dos libros. Preténdese colaborar en espertar o gusto pola lectura, de forma que as nenas e os nenos vexan os libros como algo ameno, cos que poden pasar bos momentos ao mesmo tempo que se instrúen e amplían os seus coñecementos, ao mesmo tempo que coñecen algunha biblioteca municipal do Concello de Oleiros para que a utilicen no seu tempo libre.

13 de marzo de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.