As augardentes e licores de Galicia brindan polo aniversario de Paulo Coelho

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Un dos cócteles servidos

Un dos cócteles servidos

O prestixioso escritor Paulo Coelho elixiu expresamente os produtos amparados polo Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia para ofrecelos no Cóctel de Gala previo á súa celebración de aniversarios. Esta cita desenvolveuse con motivo da festividade de San José na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago e congregou a 150 personalidades de distintos sectores, entre os que se atopaban escritores, managers de futbolistas de elite, empresarios, xornalistas ou artistas.

“No momento en que recibimos a solicitude para achegar os nosos produtos para o cóctel de gala ofrecido por Paulo Coelho, non dubidamos en colaborar nin un só instante”, afirma o presidente do CR Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, José Antonio Feijoo. “Sentímonos moi orgullosos de que un escritor de tanto prestixio pida expresamente as nosas augardentes, algo que ten especial importancia para nós, porque significa que é consciente da alta calidade dos mesmos. Ademais, tivemos tamén a oportunidade de dalos a coñecer entre personalidades de alto standing e de diferentes nacionalidades”, concluíu.

O cóctel de gala desenvolveuse de modo previo, ao redor das 19.30 horas, á cea na que Paulo Coelho celebrou os seus aniversarios. Desde o Hostal dos Reis Católicos prepararon un total de tres propostas para o cóctel de benvida. A primeira delas foi unha Caipirinha con base de bagazo de Galicia. Esta foi precisamente a que degustou o propio Paulo Coelho á súa chegada á celebración. O segundo dos cócteles foi un Mojito de Augardente de Herbas e a terceira era este mesmo mojito, pero incorporando fresa natural.

O cóctel de benvida estivo amenizado por un grupo de gaitas e de baile tradicional galego. A maiores, a celebración contou coas actuacións dun grupo flamenco e outro de rock para ofrecer unha visión global de distintos estilos musicais españois, pero tendo como principal expoñente o galego.

Para finalizar a cea, ofreceuse unha queimada galega, novamente con augardente de bagazo amparada polo Consello Regulador, e o propio Paulo Coelho animouse a ler parte do tradicional conxuro. O escritor leu o seu discurso de agradecemento en preto de vinte idiomas diferentes, proba das variadas nacionalidades dos 150 asistentes a esta cita.

Paulo Coelho leva 35 anos celebrando os seus aniversarios en distintos puntos do mundo. Nesta ocasión, escolleu o Hostal dos Reis Católicos para desenvolver esta cita e para o seu Cóctel de Gala, as augardentes e licores amparados polo Consello Regulador combinados en distintos cócteles.

25 de marzo de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.