publicidade hoxe

Artesanía e artistas de Cervo únense para ofrecer a exposición de encaixe “Coas nosas mans”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Presentación da exposición

Presentación da exposición

O Concello de Cervo presentou hoxe unha das actividades incluídas dentro do XII Encontro de Palilleiras, como é a exposición “Coas nosas mans” que se vén ofrecendo todos os anos. Unha mostra que se vai inaugurar este venres ás 17 h. na Casa da Cultura e que nesta edición conta con novidades. Unha das principais é a colaboración do artista local Tino Soto, que elaborou varios debuxos que se van integrar na exposición. Trátase de bustos femininos nos que se colocarán anacos de encaixe elaborados por diferentes agrupacións.

Hai que dicir que o ano pasado o Concello iniciara unha nova iniciativa pedindo colaboración ás asociacións e agrupacións que acoden ao Encontro para que participasen na exposición cedendo pequenas pezas de encaixe. Uns anacos que agora serán exhibidos formando parte dos debuxos de Tino Soto.

Pero ademais, coma todos os anos, “Coas nosas mans” amosará decenas de pezas elaboradas con encaixe, dende roupa do fogar, de vestir, complementos ou xoiería confeccionadas utilizando diferentes técnicas. Destacan o encaixe galego, pero tamén hai estremeño, francés, danés, ruso e incluso moderno, ou bordado de tul. En canto aos materiais, utilízanse algúns innovadores como o aceiro, o fío de ouro e o de prata.

Desta maneira, “poderanse comprobar as infinitas aplicacións do encaixe na vida cotiá e porase en valor este traballo artesanal tan arraigado no noso municipio” asegura a edil de Igualdade, Pilar Armada.

Ao mesmo tempo, tamén cabe resaltar que as pezas expostas son, por unha banda traballos feitos a man polas alumnas das clases que imparten Mariluz e Modesta; e pola outra pezas prestadas por particulares. Polo tanto, Armada quixo facer un agradecemento expreso a todas as persoas que fan posible esta mostra, “dende Mariluz e Modesta, que fan un grande traballo, non só na exposición senón tamén na preparación e organización do Encontro; Tino Soto polos seus debuxos, e a esas persoas anónimas que ceden prendas para ser expostas”.

Na presentación participaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Igualdade, Pilar Armada, as profesoras de encaixe Mariluz Méndez e Modesta Lombardero, o artista local Tino Soto e a deseñadora Lucía Paredes, que participará cos seus deseños no desfile de moda.

En canto á participación, pechado o prazo de inscrición son máis de 600 as palilleiras que acudirán. Cabe destacar que nesta ocasión o Concello tivo que reducir as prazas xa que a celebración do desfile reduce o espazo dispoñible no pavillón da Veiga.

24 de marzo de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.