Arranca ‘Nocturnia’ con máis de 1.800 prazas en 60 actividades
O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, presentou esta mañá unha nova edición de Nocturnia, o programa municipal de ocio alternativo dirixido a mozos de entre 12 e 30 anos e que hoxe abre o seu prazo de inscrición. En concreto, na súa décima edición, que se desenvolve entre marzo e xuño, ofértanse máis de 1.800 prazas para as 60 actividades, presentadas nunha campaña gráfica onde máis de 30 mozos son os protagonistas dando vida ás propostas e transmitindo, en cada fotografía, o espírito lúdico, grupal e relacional de Nocturnia.
“O programa de ocio para mozos regresa á súa X edición con máis propostas baseadas na educación no tempo libre mediante actividades deportivas, culturais, formativas e lúdicas de carácter socioeducativo durante as tardes e noites dos fins de semana”, explicou Mourelo, quen engadiu: “A evolución de Nocturnia dende 2011, produto da avaliación continua á que se somete o programa, fixo que se converta nun programa de ocio de referencia na cidade adaptado aos cambios na dinámica do uso do tempo libre tanto na súa oferta coma na formulación do programa de participación integral feito cos mozos e para os mozos”.
Neste sentido, o concelleiro explicou algunhas das claves do éxito do programa:
– Axustou os seus horarios atendendo á banda de idade máis nova dos seus destinatarios (de 12 a 17 anos) e entendendo que as propostas en educación para o ocio deben de abranguer calquera horario no que os mozos dispoñan de tempo libre.
– Mantivo o seu carácter gratuíto de maneira que o poder adquisitivo dos mozos non sexa unha barreira á hora de gozar dun tempo libre de calidade.
– Nocturnia favoreceu o acceso e desfrute das instalacións, espazos e equipamentos públicos da cidade en horarios de fin de semana nos que habitualmente estarían pechados, reafirmando un dos seus trazos definitorios: a optimización dos espazos públicos e o seu achegamento á xuventude.
– Fomenta un ocio inclusivo, como unha característica máis do ocio, desenvolvendo actividades nas que calquera persoa poida participar nun ambiente normalizado independentemente das súas características, habilidades e capacidades.
“Esta edición de primavera 2015 -destacou o concelleiro de Xuventude- volve propoñer actividades innovadoras e garante a continuidade naquelas que tiveron un importante éxito de participación en edicións anteriores”.
Así, a navegación entra con forza por primeira vez en Nocturnia con dúas actividades onde os participantes poderán vivir a experiencia de realizar unha navegación diúrna e pasar unha noite a bordo da goleta Juan de Lángara. “A esgrima con duelos nocturnos a espada, os talleres de efectos especiais ou os talleres de arte contemporánea e creatividade uniranse ás rutas consolidadas de sendeirismo e os talleres baixo a filosofía de Do it yourself -faino por ti mesmo- que fomentan a creatividade e as habilidades artísticas, e propostas para descubrir idiomas como o italiano ou o alemán para principiantes”, destacou o responsable da área de Xuventude.
Minicampamento de surf
Outra das grandes novidades que presenta o Servizo Municipal de Educación, Deportes e Xuventude para esta primavera é o primeiro minicampamento de surf para mozos de idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos que se desenvolverá no mes de maio. Esta proposta será unha inmersión no mundo do surf e a natureza, combinando a iniciación á práctica deste deporte con visitas complementarias polo medio natural e talleres.
Formación
Durante os meses de abril, maio e xuño, a Concellaría volverá ofrecer o seu programa de Accións Formativas para mozas coas que pretende favorecer a formación complementaria da xuventude e a actualización para profesionais e interesados no ámbito sociocultural e o ocio e o tempo libre. Esta formación abranguerá ámbitos diversos que irán dende cursos de iniciación ao cine ata accións de xestión e optimización de redes sociais para mozos.
Ademais, por primeira vez, incluirase dentro desta iniciativa, unha serie de monográficos específicos sobre a educación para o ocio e o tempo libre orientados a completar a formación e mellorar a capacitación de colectivos, asociacións, profesionais e demais axentes de intervención sociocultural; ao tempo que se propicia o intercambio de experiencias entre profesionais e entidades que traballan no ámbito do ocio e o tempo libre.
A inscrición para todas as actividades poderá realizarse a través da páxina web www.coruna.es/nex, onde tamén se poderá encontrar toda a información dos diferentes programas e espazos de Xuventude. Ademais, todos os interesados poderán acceder a toda a información de Nocturnia na rede de centros cívicos e Bibliotecas Municipais, na Ágora, no Fórum Metropolitano, nas instalacións deportivas municipais e nos institutos e espazos de carácter educativo, social e cultural.











