publicidade hoxe

Apróbase o proxecto para converter o campo de Corrás nunha cancha de herba artificial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado venres o proxecto para pasar o campo municipal de San Sadurniño a herba artificial. O proxecto deseñado polo Concello xa en 2013 está cifrado en 340.224 euros e prevese que nos próximos días ámbalas institucións asinen o convenio correspondente. O cambio permitirá reducir á metade os custes de mantemento e ampliar as posibilidades de uso do recinto por parte dos clubes do territorio.

As obras responden á necesidade de optimizar o uso do campo municipal, onde actualmente xogan o C.F. San Sadurniño e 120 rapaces e rapazas das escolas deportivas. Unha carga demasiado intensa para unha cancha de herba que case non se dá recuperado durante o inverno a pesar dos esforzos por mantela en perfectas condicións. De feito, os adestramentos de todos os equipos trasládanse ao campo de Santa Mariña do Monte, tamén de titulariedade municipal, e en ocasións é necesario disputar partidos noutros municipios.

O cambio a herba artificial permitirá, polo tanto, usar o o campo de Corrás tanto para os partidos como para a preparación do equipo sénior e dos de base. Ademais tamén abriría a posibilidade de que formacións como a UDC Narahío empregasen as instalacións municipais en vez de ter que alugalas en Ferrol ou A Capela, onde xa existen campos deste tipo.

Outra das razóns para acometer a obra é a previsión de aforro nos gastos de mantemento. Na actualidade son arredor de 10.000 euros que, co paso a superficie artificial, quedarían reducidos a menos da metade.

Porén, para aforrar primeiro hai que investir e este tipo de obra non é barata. Cómpre facer movementos de terra, nivelar o terreo, colocar sistemas de drenaxe e por último alfombrar o campo con rolos de céspede sintético que pode ir mesturado con area ou con caucho para reproducir o comportamento dunha superficie natural. A actuación concreta consiste en retirar o céspede natural e substituílo por outro artificial de máxima calidade e dunha superficie de 92×57 metros. O proxecto inclúe a execución de beirarrúas de formigón de 1,5 metros ao longo de todo o perímetro do terreo de xogo, excepto na banda das bancadas, onde terá un ancho superior, de 2,5 metros. Ademais, por motivos de seguridade e para evitar a entrada de público no campo, vaise instalar tamén un valado a unha altura de 0,90 metros. Os postes e as varandas serán de aluminio. Por último, instalaranse novas porteirías fixas e outras catro abatibles para fútbol 7.

O anteproxecto presentado en abril de 2013  cifraba a licitación -xa co ive- en 340.224 euros. Unha contía que seguramente sexa inferior tan pronto como se saquen a contratación os traballos. A Deputación da Coruña reservara a finais do ano pasado unha partida para cubrir o cen por cen do investimento e este pasado venres déuselle o visto e prace ao proxecto no pleno.

Os prazos que se manexan apuntan a que o proceso de contratación se podería completar na primeira metade de 2015 e que as obras se executen durante o verán. Segundo indica o titular de Facenda, Suso Soto, “o obxectivo é que os traballos estean rematados en setembro cadrando co comezo da temporada”. Pola súa banda Secundino García explicou que “en breve” se concretará coa Deputación  a data de sinatura do convenio. 

2 de marzo de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.