Apróbase a concesión de 288.500 euros para as obras de remate da rúa Vista Alegre en Vilagarcía de Arousa
A Deputación aprobou hoxe, na súa Xunta de Goberno, a concesión de 288.500 euros ó Concello de Vilagarcía de Arousa para levar a cabo as obras de finalización da rúa Vista Alegre.
O proxecto, que a institución provincial financia na súa totalidade, consiste en acondicionar a rúa Vista Alegre para mellorar o pavimento, regular o tráfico rodado e humanizala, no seu tramo norte, para uso preferentemente peonil.
As obras consolidarán o uso exclusivo peonil, agás o acceso ós garaxes, do tramo norte da rúa Vista Alegre, que comprende a parte xa humanizada no contorno do convento e o número 20 na confluencia coa rúa López Cuevillas. O tramo sur, ata desembocar na avenida Doctor Tourón, seguirá a ser de tránsito rodado.
Entre outras actuacións, levantarase o actual pavimento de lastro e as beirarrúas, instalarase un pavimento de lousas de granito, colocarase unha calzada de formigón nalgunha zona e substituirase a actual instalación de augas fecais e pluviais.











