Apertura do prazo para solicitar praza no programa “Saúde e benestar”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

 Un ano máis a Deputación de Pontevedra, a través de Servizos Sociais e Promoción do Emprego, pon en marcha os programas de termalismo social “Coidarte” e “Saúde e benestar”.

Estes programas están dirixidos a pensionistas, persoas que precisen dun respiro familiar e outras persoas maiores de 50 anos. Ambos os dous teñen como obxectivo fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida dos seus beneficiarios, favorecendo as súas relacións sociais e a participación no seu contorno, e promovendo espazos de intercambio, así como a súa independencia persoal. Preténdese así evitar as situacións de illamento e soidade que ameazan este sector da poboación.

O prazo para solicitar a participación en “Coidarte” é do 1 ó 30 de abril de 2015; o de “Saúde e benestar”, do 12 de marzo ó 10 de abril.

Con estes programas téntase impulsar, ó mesmo tempo, a creación e o mantemento do emprego no sector turístico da provincia, especialmente durante os períodos de menos actividade neste sector clave na economía, para desestacionalizar a demanda.

Trátase, polo tanto, de actividades cun claro obxectivo social, xa que lles facilitan o acceso ó turismo de saúde a persoas que doutro modo non se poderían beneficiar da súa dobre función (como forma de descanso e tamén como tratamento sanitario); ofrecen tamén bos resultados en termos de sustentabilidade económica para a provincia.

“Coidarte” oferta balnearios, spas e talasos da provincia a prezos reducidos. Conta cunha subvención da Deputación, á que se sumará outra dos concellos que se adhiran. Os beneficiarios gozarán de cinco días consecutivos, de luns a venres, no establecemento seleccionado (poderán utilizar as súas instalacións durante dúas horas cada día). A franxa horaria destas actividades permite compatibilizalas con outras obrigas dos usuarios. O transporte ata as instalacións será financiado pola Deputación e non representará ningún custo engadido para os beneficiarios, que contarán ademais co asesoramento dun guía acompañante.

 “Saúde e benestar”, tamén subvencionado pola Deputación, oferta estancias de seis días e cinco noites nun establecemento hoteleiro da provincia equipado cun spa ou talaso. Inclúe a estadía en réxime de pensión completa e o uso das instalacións termais, así como a realización de actividades de animación sociocultural con excursións polo contorno do hotel. Poderase solicitar praza individual ou por parellas. Igual ca no anterior programa, os traslados desde os concellos serán financiados na súa totalidade pola Deputación e contarán cun guía.

O ano pasado participaron nestes dous programas 6.000 persoas

11 de marzo de 2015 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.