Apertura do prazo para inscribirse en tres dos catro concursos da Feira Medieval de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O concello de Monforte pón en marcha catro concursos destinados a promover a XIII Feira Medieval entre a veciñanza e os establecementos comerciais da cidade. Por unha banda, o Concello convoca o IV concurso de Traxes Medievais, actividade que se realizará dentro do programa de actos do primeiro día de celebración da XIII Feira Medieval, o día 4 de abril de 2015.

O obxectivo deste concurso é premiar os mellores traxes medievais que luzan os/as participantes inscritos/as, e así incentivar a cidadanía e os/as visitantes á participación e á ambientación nos actos organizados con motivo da Feira Medieval.

As modalidades do concurso de Traxes son individual, parellas e grupos (a partir de 5 compoñentes) nas categorías de adultos e infantil (ata 12 anos). O diñeiro que o Concello destina a premios é de 875 € para a categoría de adultos e de 550 € para a infantil.

Por outra banda, convócase o II concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros, procurando ampliar a ambientación medieval a outras actividades e a outras zonas da cidade que quedan fóra do ámbito da propia Feira. O Concello destina 375 € para premiar os tres mellores establecementos.

Na XIII edición da Feira Medieval ábrese a convocatoria dun novo concurso, o I Concurso de Decoración de Balcóns.

O obxectivo é premiar os tres mellores balcóns que polo seu enxeño e ambientación medieval merezan a consideración do xuradol. Poderán participar neste concurso tódolos balcóns sitos na cidade de Monforte.Os balcóns deberán de estar ambientados acorde co medievo, como mínimo, do 2 ó 5 de abril de 2015. O Concello destina 225 € para premiar os tres mellores balcóns.

Para participar nestes tres concursos é necesario inscribirse oficialmente. As solicitudes de inscrición, que poden atopalas na web www.monfortedelemos.es (na área de cultura ou no “banner” dedicado á Feira Medieval) presentaranse no Rexistro Xeral do concello de Monforte desde o día 16 ata o día 30 de marzo. No caso do concurso de Traxes Medievais tamén poderán inscribirse o propio día 4 de abril no punto de información habilitado na Praza de España en horario de 11:00 a 13:00h.

Os premios destes concursos entregaranse en vales de compra no comercio local.

Por último, este ano volverá celebrarse o II concurso de Axudas para Confeccionar o Traxe Medieval. Trátase dun concurso radiofónico, que se desenvolverá entre o 9 e o 20 de marzo en Radio Principal, no que se poderá conseguir unha axuda económica de 40 € destinada a mercar ou confeccionar o traxe medieval. Este concurso realízase en colaboración con catro comercios locais que venden teas e traxes medievais, establecementos nos que se farán efectivos os vales que se entregarán as persoas gañadoras do concurso.

Para poder participar neste concurso hai que estar empadroado/a no Concello de Monforte, e non poderán facelo aquelas persoas que na anterior edición do concurso xa conseguiran axudas para a confección ou compra dos traxes medievais.

O Concello destina un máximo de 2.400 € para este concurso, no que poderán participar un máximo de 60 persoas. O Concello estableceu fórmulas de control para confirmar que se leva a cabo a confección ou compra dos traxes e que son utilizados na Feira Medieval.

As bases con tódolos pormenores destes catro concursos e o modelo de solicitude de inscrición xúntanse a esta información.

 

8 de marzo de 2015 | 10:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.