publicidade hoxe

Apertura do prazo de renovación das concesións de uso das hortas municipais das Fontiñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Rematado o prazo das concesións das hortas municipais de Fontiñas outorgadas en 2013, a Xunta de Goberno acordou abrir un prazo de dez días hábiles para a presentación de solicitude de renovación destas concesións, do 16 ao 26 de marzo. O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, lembrou que as persoas que viñan gozando da autorización de uso poden solicitar a súa renovación no devandito prazo. O uso dos terreos é por dous anos, con posible prórroga anual ata un máximo de catro anos.

A superficie destinada a estas hortas municipais é duns 1.500 metros cadrados. Disponse de 37 hortas, cunha extensión media de 40 metros cadrados, destinadas a prácticas agrícolas ecolóxicas ou, cando menos, tradicionais.

A ordenanza que rexe estas adxudicacións prima na prelación aos veciños do contorno e xubilados.

Cómpre lembrar que, no pasado mes de xaneiro, adxudicáronse as 26 hortas de Belvís de Abaixo, tamén por un período de dous anos.

Centro de Interpretación de Belvís

Seguindo con cuestións medioambientais, a Xunta de Goberno abriu o procedemento para contratar o servizo de organización de actividades do Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural de Santiago (Belvís), así como de realización das funcións de atención ao público e visitas guiadas ao devandito Centro. O importe de licitación é de 25.785 euros para o período dun ano.

O servizo, que ten como eixes as preto de 7 hectáreas do Parque de Belvís e o Centro de Interpretación do Medio Urbano e Natural que se atopa nese ámbito natural, inclúe, ademais da atención ao público e as visitas guiadas, o control de accesos, tarefas administrativas e de mantemento do centro, así como o desenvolvemento e execución da campaña de educación ambiental do Concello en centros de ensino.

O Centro de Interpretación estará aberto ao público todos os meses do ano e, ademais das propias horas de apertura do centro, deberanse atender tarefas de educación ambiental como obradoiros, roteiros ou actividades divulgativas e formativas en centros de ensino, centros socioculturais ou outros espazos públicos ou privados de colectivos ou asociacións nos que o Concello considere oportuno desenvolver actividades de concienciación ou formación ambiental.

6 de marzo de 2015 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.