publicidade hoxe

Apertura ao tráfico do primeiro tramo da rúa Adelaida Muro tras as obras de remodelación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Visita dos edís ás obras

Visita dos edís ás obras

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado das concelleiras de Barrio, Susana Pazo e Carmen Hervada, visitou esta mañá a rúa Adelaida Muro con motivo da apertura ao tráfico de parte da vía –entre Ramón do Cueto e a rampla do Matadoiro-, tras as obras de remodelación levadas a cabo nas últimas semanas. Tal e como anunciou, a obra completa estará terminada o mes que vén.

A iniciativa, incluída no Plan Municipal de Modernización de Espazos Públicos, conta cun investimento de 350.500 euros e comezou no principio do ano. Os traballos inclúen a renovación do pavimento do tráfico rodado e a substitución da baldosa hidráulica, moi deteriorada, por outra granallada. En total, actuarase sobre preto de 2.700 metros cadrados: 1.587 metros cadrados de beirarrúa e 1.098 de calzada. O Goberno local tamén aproveitará estas obras para cambiar a totalidade da rede de augas residuais e para instalala canalización de pluviais, pois non existía.

A actuación neste espazo urbano responde a unha vella demanda veciñal e vai permitir a renovación integral dunha zona e unha rúa cun gran núcleo de poboación e que non experimentou ningunha mellora durante 30 anos.

Esta intervención súmase a outras no barrio como as realizadas na rúa da Torre, onde se proxecta unha segunda fase; a derriba do tapón urbanístico no canellón de Atocha Baixa; ou as melloras nas áreas infantís e biosaludables da praza de España, o Campo de Marte ou o Campo da Leña, ás que pronto se sumará a reurbanización das rúas Conto, Forcarey e Joaquín González e a remodelación da praza do mercado. En total, as principais actuacións do Goberno municipal no barrio suman un investimento superior aos 3,6 millóns de euros.

VIARIO 18

Por outra banda, Fernández Prado mostrou a súa satisfacción pola publicación, hoxe no BOE, do inicio do período de información pública do proxecto do trazado do Viario 18 e do estudo de impacto ambiental de devandito proxecto. “A ministra volve cumprir cos seus compromisos”, asegurou o concelleiro e engadiu: “É unha gran noticia e un paso máis para que pronto teñamos en marcha o Viario 18, unha peza que complementa as infraestruturas metropolitanas e que vai permitir a conexión da AC-14 coa AP-9”, finalizou.

26 de marzo de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.