Anxo Quintana estará o 17 de marzo nos Almorzos On/Off de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A demarcación de Ourense do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) organiza este acto que dará comezo ás 10:30 horas co ‘OFF’ para colexiados, para dar paso despois ao ‘ON’, a rolda de prensa de libre acceso, ás 11:00. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.

Por motivos de organización, para poder asistir ao ‘OFF’ para colexiados éimprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.com ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Anxo Quintana

Anxo Manuel Quintana González naceu en Allariz o 25 de febreiro de 1959. Diplomado en Enfermaría pola Universidade de Vigo, colaborou desde ben novo no sindicalismo agrario nacionalista e no 1982 participou na fundación do BNG.

En 1989, tras unha revolta popular que expulsa da alcaldía de Allariz a Celestino Bouzas Canosa, de Alianza Popular, comeza a dirixir o concello, mantendo o cargo de alcalde até o ano 2000.

No 2002, é escollido Coordinador da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego, e Voceiro Nacional desde o 2003. Tras as eleccións ao Parlamento de Galiza do 2005, e a través do pacto entre BNG e PSdeG, asume a vicepresidencia da Xunta de Galicia, cargo que manterá toda a lexislatura.

No 2009, tras as seguintes eleccións, presenta a súa dimisión coma Voceiro Nacional do BNG, e dous anos máis tarde renunciaba ao seu escano no Parlamento e ao seu posto no Consello Nacional do BNG. O 21 de febreiro deste ano, presentou a plataforma cidadá ‘Somos Nós’.

Almorzos ON/OFF

Os ‘Almorzos On/Off’ lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións, e iniciáronse na demarcación de Ourense o pasado 23 de febreiro. Estes encontros cos xornalistas, que actualmente se realizan tamén en Santiago de Compostela, na Coruña e en Lugo, pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

12 de marzo de 2015 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.