Alumnado do CEIP de Campañó gravará un vídeo na parroquia co proxecto Ponte a Europa
Mañá, mércores 25 de marzo, os alumnos/as de 5º curso de educación primaria do CEIP Parada-Campañó gravarán un vídeo en diversos lugares da parroquia, dentro do programa Ponte a Europa. A gravación servirá para presentar a súa contorna aos outros participantes no proxecto, a través da plataforma http://ponteaeuropa.gal./
As gravacións, guiadas polo profesorado de 3º ciclo de Campañó e pola creadora dixital Palmira Castro Marcote, realizaranse a partir das 10 horas. As localizacións seleccionadas polo alumnado e o profesorado son o Muíño de Piñeiro, un muíño de cubo considerado unha grande obra de enxeñería pois traballa coa forza de pouca auga, e as xunqueiras de Campañó.
A finais de abril realizarase a edición do material gravado polos alumnos/as de cada un dos centros de ensino que participan nesta actividade. Os vídeos resultantes estrearanse na festa final de Ponte a Europa no mes de maio.
Ponte a Europa é unha iniciativa innovadora impulsada pola Concellaría de Normalización Lingüística para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre os escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez, Xeve e Campañó e oito universitarios europeos estudantes de lingua galega, pertencentes as universidades de Oxford, Birmingham, Varsovia, Zadar, Berlín, Cork e Helsinki.
Ponte a Europa é un proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural virtual, construtivo e colaborativo arredor da lingua galega, onde rapaces de Pontevedra e mozos e mozas de sete universidades europeas poderán intercambiar e construír experiencias da vida cotiá no seu ámbito, así como coñecer outros xeitos de vida, tendo como elemento motivador a normalización da lingua galega.
Os eixos centrais do programa están a ser o uso, a posta en valor e a difusión da lingua e cultura galega entre a mocidade e dende a mocidade; o coñecemento doutros lugares de Europa a través da lingua galega e o uso responsable e crítico da tecnoloxía, así como a construción colaborativa de contidos web e multimedia As distintas actividades do programa teñen o galego como única lingua de comunicación, co fin de impulsar o uso do galego entre o alumnado de Pontevedra, incentivar a reflexión sobre a utilidade da lingua e valorar o galego como unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.
O obxectivo xeral de Ponte a Europa é a mellora da competencia lingüística do alumnado na lingua galega durante todo o proceso e a posta en en valor do patrimonio cultural, inmaterial e dixital deses núcleos e así adiantar un paso máis no proceso de normalización lingüística. Ademais, busca contribuír á posta en valor e favorecer un sentimento de orgullo e de defensa do galego entre a mocidade e os seus familiares, así como dos seus xeitos de vida, por moi diferentes que sexan, a posta en valor da vida cotiá no rural galego como elemento motivador para a creatividade e as actitudes activas e contribuír ao uso e manexo da tecnoloxía. Para potenciar o uso do galego en todo o proceso trabállase o seu valor como elemento de identidade, o uso nos distintos ámbitos da vida cotiá e en espazos cos que se identifica o alumnado participante. Para dinamizar o uso da lingua é importante contribuír a desenvolver a conciencia lingüística borrando prexuízos lingüísticos detectados cara á lingua galega e buscar fórmulas de actuación para subliñar o valor da nosa lingua como identidade e a posibilidade real de ser usado en calquera contexto. Ao longo do programa trabállase o coñecemento da cultura actual galega e de tendencia que poida ser inspiradora para o alumnado participante; a divulgación do patrimonio inmaterial e cotiá da vida no rural galego a través dos ollos do alumnado e dos contidos que poidan crear, como elemento para a posta en valor da realidade que lles rodea. Utilízase como canle a conversa multimedia en galego con mozos e mozas moi afastados xeograficamente, culturalmente e socialmente, mais que aposta por estudar o galego.
Para acadar os obxectivos o programa esténdense ao longo de cinco meses con:
1. Cinco sesións nos centros educativos en horario escolar, onde se traballará en galego cunha proposta clara: a dinamización do uso do galego partindo da divulgación cultural da realidade, amosando e divulgando o que se fai en Galiza nos diferentes ámbitos de maneira motivadora para o alumnado.
2. Un blog didáctico dirixido (http://ponteaeuropa.gal./), como ferramenta con contidos que abranguen a divulgación de proxectos e propostas creativas galegas de tendencia; o proceso do proxecto a través da fotografía e vídeo; os contidos elaborados polo alumnado en diversos formatos e as conversas, reflexións e debates que poidan xurdir das tarefas presentadas. O blog será o elemento vertebrador de toda a acción educativa; axudará a establecer un diálogo continuo entre docente e alumnado, e entre o alumnado de Pontevedra e os mozos e mozas de Europa.
3. O seguimento en liña das actividades durante os meses de duración do proxecto empregando como ferramenta o correo electrónico, e o blog.
4. A elaboración dun documental que de conta do proceso de todo o proxecto e a tarefa creativa do alumnado.