Agustín Hernández visita as instalacións de COGAMI

Visita do alcalde de Santiago ás instalacións
Esta mañá as instalacións que COGAMI ten en Santiago recibiron a visita do Alcalde da cidade, Agustín Hernández, quen foi recibido pola xunta directiva da entidade, encabezada polo Presidente, Anxo Queiruga.
Na súa primeira visita á entidade, Agustín asistiu a unha presentación da Confederación na que se lle fixo unha relación dos logros acadados por COGAMI durante o ano pasado e, ademais, co gallo das vindeiras eleccións municipais, se lle fixo entrega dunhas peticións para construír unha cidade de Santiago máis inclusiva a todas as persoas.
Dende COGAMI, solicitóuselle ao rexedor municipal que a cidade vaia rachando coas barreiras arquitectónicas que aínda existen e que crean diferencias entre as persoas. Tamén se lle fixo fincapé na necesidade de reserva de prazas reservadas a persoas con discapacidade cando se faga un concurso público, para que a contratación sexa responsable e con criterios sociais.
Só no concello de Santiago, o Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI, o servizo de emprego, atende a 1.342 persoas con discapacidade. De aí que dende a Confederación se lle pide apoio ao concello para este servizo, como xa sucede noutros concellos nos que está presente a entidade.
Durante a xuntanza, Agustín Hernández amosou interese ante o labor que COGAMI está a desempeñar e confirmou estar aberto a establecer unha colaboración coa entidade.











