Agadei reclama á Xunta que negocie o convenio para o concerto de prazas de escola infantil
A Asociación Galega de Escolas Infantís (AGADEI) celebrou o pasado sábado a súa asemblea anual na que, ademais de renovar unha parte da súa directiva e reelixir como presidente a Fernando Rolland, se debateu o estado do sector en Galicia. Os titulares das escolas de Galicia coincidiron en sinalar a delicada situación pola que atravesan e as dificultades que se están a encontrar pola falta de apoio por parte da Consellería de Traballo e Benestar nos últimos anos, que levou ao peche de moitos centros e á perda de decenas de postos de traballo.
No mes de xaneiro a xunta directiva de AGADEI e a Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantiveron unha reunión na que acordaron iniciar as conversacións para alcanzar un convenio para concertar polo menos 500 prazas de escola infantil, utilizando o mesmo sistema que ata agora utiliza a mesma Consellería cos centros de día para maiores. “Dende entón non recibimos ningunha noticia polo que a pasada semana solicitamos reunirnos coa directora xeral de benestar para pechar o acordo canto antes”, apuntou Fernando Rolland. AGADEI leva polo menos dende o ano 2011 reclamando á Consellería un acordo destas características. “De terse feito naquela época teriamos conseguido salvar moitos pequenos negocios e os seus postos de traballo e a Xunta de Galicia tería aforrado moitos millóns de euros para prestarlle este servizo ás familias galegas”. Neste sentido, sinalaron que hai xa máis de 3 anos que lle facilitaron á consellería un estudo que desvelaba que o custo dunha praza pública de escola infantil se elevaba ata case os 600 € por neno e mes, mentres que nunha privada a media non chegaba aos 350 €. “A través dun concerto de prazas a Xunta e os concellos poderían estar a aforrar polo menos 250 € ao mes por cada neno, sen ningunha mingua na calidade do servizo xa que en Galicia a normativa que regula os requisitos das escolas infantís é exactamente a mesma para as públicas como para as privadas”. É por iso que urxen á consellería a convocar aos representantes da asociación a unha reunión para avanzar nos termos do convenio. “Esperamos que o compromiso da conselleira, que ela mesma anunciou en rolda de prensa, non se converta nunha promesa incumprida máis”.











