publicidade hoxe

AFAL celebra as Pepitas nos seus Centros de Día coas actuacións estelares das Rondallas Bohemios e Club de Campo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagros Prieto Gondell, anunciou esta mañá que, por primeira vez, os Centros de Día Terapéuticos xestionados pola asociación na cidade de Ferrol celebrarán unha das súas festas máis emblemáticas: as Pepitas, fortemente arraigada no calendario local e da comarca. E farao ao grande, xa que contará con dúas das mellores rondallas, Bohemios e Club de Campo, que colaborarán desinteresadamente para lograr que as celebracións sexan un éxito.

A primeira cita desenvolverase este mércores, 25 de marzo, no Centro de Día da rúa Río Castro, 43-45, baixo, Ferrol. A partir das 16,30 horas, os maiores que acoden a diario ás instalacións merendarán. E, a partir do cinco da tarde, acompañados dos seus familiares, poderán gozar da actuación de Bohemios. Tamén os maiores interpretarán algúns temas, ensaiados previamente estes días nos diferentes talleres. Entre eles, “Non te vaias de Ferrol”. E, por último, elixirán á súa madriña. O ambiente que caracteriza esta celebración tamén estará presente na decoración, xa que os maiores elaboraron os motivos nos talleres ocupacionais e de manualidades.

A festa repetirase ao día seguinte, xoves 26 de marzo. Nesta ocasión, no Centro de Día da Rede Pública de Alzhéimer, situado na antiga Casa do Mar. A partir das 16,15 horas actuará a rondalla Club de Campo e, sobre as cinco menos dez, tomarán a substitución os propios maiores, que interpretarán temas como “Clavelitos” ou “Ferrol, Ferrol”. A continuación, servirase a merenda.

Deste xeito, as Pepitas súmase como celebración ás festas que, ao longo do ano, se organizan nos centros de día de AFAL. Festas como o Entroido, o Nadal, o Magosto, os Maios…

23 de marzo de 2015 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.