Aduanas rexistra as instalacións do pavillón de Sar
Axentes de Vixilancia Aduaneira acudiron a rexistrar as instalacións do pavillón multiusos de Sar, en Santiago de Compostela, no marco do novo operativo que instrúe a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes.
Sobre as 11,30 horas tres axentes de Aduanas, que previamente efectuaran un rexistro e levaron documentación do Palacio de Congresos composteláns, cuxa concesión xestiona o grupo empresarial do presidente de Monbus, Raúl López, chegaron ás dependencias do multiusos de Sar, onde o Club de Baloncesto Obradoiro, que preside o empresario detido, ten as súas oficinas.
De feito, cando chegaron os axentes de Aduanas, estaban a adestrar os xogadores do Obradoiro para preparar o partido deste fin de semana.
Coincidindo co rexistro tivo lugar a rolda de prensa habitual do adestrador do Obradoiro, Moncho Fernández, quen foi preguntado pola detención do presidente do club. “Cando son situacións que non me incumben, tento derivalo á persoa e foro” que lle corresponde, manifestou.
“Non son nin o foro nin a persoa adecuada” para responder, insistiu o adestrador do Obradoiro ante a insistencia dos xornalistas na rolda de prensa habitual antes dos partidos.
CINCO DETIDOS
No marco deste novo operativo de Pilar de Lara foron detidas cinco persoas, entre elas o presidente da empresa de transportes Monbus, Raúl López. Ademais, espérase que haxa máis arrestos na operación dirixida por De Lara.
Efectivos de Aduanas rexistraron este xoves a sede de Monbus en Lugo, así como dependencias vinculadas co grupo empresarial de Raúl López en Santiago, como o Palacio de Congresos, do que xestiona a concesión, de onde esta mañá os axentes leváronse documentación.
Fontes da investigación sinalaron que catro dos arrestos practicáronse na provincia de Pontevedra, ao que se suma o quinto de Raúl López en Lugo, quen permanece nos calabozos da Comandancia de Lugo.











