ABANCA e a Deputación de Pontevedra apoian con crédito a 1.700 pemes e autónomos da provincia
ABANCA e a Deputación de Pontevedra achegáronlles en oito meses 56,6 millóns de euros en financiamento a empresas, familias e corporacións locais da provincia a través do Plan Activamos. Este programa de apoio financeiro, impulsado por ABANCA en colaboración coa institución provincial, suma desde que se puxo en marcha, en xullo de 2014, 1.850 operacións, das que máis de 1.700 se formalizaron con pemes, micropemes e autónomos repartidos por toda a provincia.
Os datos do primeiro balance do Plan Activamos foron presentados hoxe polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa. Ambos os directivos amosáronse moi satisfeitos coas cifras acadadas e anunciaron a súa vontade de darlle continuidade ó programa unha vez que se esgote o orzamento inicial, pois xa se tramitou máis do 80 % do importe comprometido para todo o ano, que ascendía a 70 millóns de euros.
Pemes, micropemes, comerciantes e autónomos foron os principais beneficiarios destes créditos, que contan con condicións moi vantaxosas con respecto ó estándar do mercado. Tramitáronse, con estes segmentos, 1.721 operacións, que concentraron máis do 90 % do financiamento concedido na provincia no marco do Plan Activamos. Os créditos destináronse maioritariamente a financiar novos investimentos empresariais e, en menor medida, a atender necesidades de circulante e a emprendemento. O importe medio do financiamento a estes colectivos empresariais foi de 30.000 euros.
Máis de 120 familias de Pontevedra aproveitaron tamén as boas condicións deste programa de crédito, principalmente para financiaren obras de mellora enerxética no fogar e actividades formativas. En total ABANCA tramitou, a través do Plan Activamos, préstamos a familias por un importe global de case 1 millón de euros na provincia pontevedresa. O importe medio destes créditos foi de 8.300 euros.
O terceiro segmento ó que se dirixe o Plan Activamos (as corporacións locais e os organismos autónomos de Pontevedra) recibiu máis de 4 millóns de euros durante os primeiros oito meses de vixencia do programa. Nestes casos o crédito solicitouse maioritariamente para financiar pequenas actuacións municipais.
Louzán destacou que os resultados deste plan “son un claro indicador da recuperación económica pois reactívase o consumo e flúe o crédito”.
Pola súa banda, Santiago Novoa salientou a repercusión que está a acadar este programa de financiamento no tecido económico e social da provincia, e agradeceu a colaboración que está a prestar a Deputación de Pontevedra. “Grazas a esta alianza estamos apoiando o progreso da provincia cunha liña de créditos específicos para pequenas empresas e autónomos, familias e corporacións locais, nas mellores condicións do mercado”, manifestou o directivo de ABANCA.
As modalidades de crédito incluídas no Plan Activamos contan con tipos de xuros moi vantaxosos en relación á oferta bancaria actual, carecen de comisións de apertura, estudo, amortización e cancelación anticipada, e teñen a posibilidade de carencia.
O Plan Activamos é froito dun convenio de colaboración, subscrito en xullo de 2014 entre ABANCA e a Deputación de Pontevedra, que busca mellorar a competitividade e o desenvolvemento desta provincia galega. ABANCA comprometeu neste plan 70 millóns de euros para financiar, mediante créditos “brandos”, pequenos proxectos relacionados co emprendemento e a creación de emprego, a formación, a accesibilidade das vivendas, a extensión das novas tecnoloxías e a eficiencia enerxética.











