A Xunta reitera o seu compromiso coa seguridade viaria da PO-308
En cumprimento do acordado na reunión do pasado 9 de febreiro na reunión mantida pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez e a corporación municipal do concello de Poio, hoxe reuniuse unha comisión técnica que xuntou a representantes de Xunta de Galicia e do concello para abordar as actuacións necesarias e prioritarias para avanzar na mellora da seguridade desta estrada.
O obxectivo desta xuntanza era, por un lado, coñecer o treito da PO-308 que o concello de Poio considera prioritaria para a mellora da súa seguridade viaria. E por outro lado, que a Xunta de Galicia achegase os planos da zona de Dominio Público asociada á estrada, de modo que dende o concello se coñecesen os terreos que será necesario que xestionen para a execución das obras.
Así, o concello solicitou que por parte da Axencia Galega de infraestruturas se estudase a implantación que requiriría a mellora dos treitos correspondentes ás parroquias de Raxó e Samieira, analizando se é posible encaixar esa implantación nos terreos que actualmente son xa de Dominio Público. En función do resultado do estudo dende a corporación municipal se priorizará un dos treitos para comezar por el a mellora da estrada. A comisión acordou volver a reunirse para que a Xunta de Galicia lle expoña o resultado dese estudo o vindeiro 26 de marzo.
O Goberno galego desenvolve así o plan de traballo acordado o pasado 17 de xaneiro coa corporación municipal, e ratifica o compromiso adquirido coa mellora da estrada PO-308 ao seu paso polos concellos de Poio e Sanxenxo. Nos últimos anos a Xunta actuou nesta estrada, incluso de urxencia cando foi necesario, con máis de 1,5 millóns de euros investidos en obras como a mellora de seguridade viaria rematada en 2009 entre o PK 4+200 e 7+600, cun investimento de 1,4 millóns de euros (mellora de insterseccións na zona de Combarro); ou a renovación da capa de rodadura na denominada “curva dos cotos” entre os PK 13+040 e 13+840, cunha achega de 260.000 euros.











