A Xunta reitera o seu compromiso coa mellora do saneamento da ría de Pontevedra
O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora do saneamento da ría de Pontevedra mediante unha planificación coordinada coas administracións locais.
O director de Augas de Galicia participou esta tarde unha reunión cos representantes dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio e Vilanova, representantes do Porto de Marín e representantes da cofraría de Lourizán. Nesa xuntanza, Gonzalo Mosqueira salientou que a Xunta prevé realizar un diagnóstico da situación para o que precisa a información sobre as redes de saneamento, para planificar as actuacións necesarias para un Plan de saneamento local da ría.
O director destacou que tamén é preciso e imprescindible contar coa colaboración dos concellos que se ubican nesta ría, xa que é preciso colaborar na realización dun diagnóstico e dunha análise da situación das redes de saneamento, así como dunha planificación das actuacións de mellora que eviten vertidos sen depurar á ría.
Mosqueira salientou que se aproveitará a experiencia recollida grazas ao traballo que se leva desenvolvido cos plans de saneamento local en distintas rías galegas (como é da Ría do Burgo ou da Ría de Arousa) e quere seguir avanzando por esta senda.
O director tamén destacou que se debe aproveitar a oportunidade que se brinda coa apertura dun novo período operativo de fondos europeos, para completar o saneamento da ría de Pontevedra.
Aclarou que ninguén pode negar a importancia que teñen as rías galegas, desde o punto de vista dos ecosistemas, da produción pesqueira e marisqueira e do turismo. Nese sentido, declarou que completar o saneamento integral e acadar un bo estado das augas é un gran reto; non só consiste en executar infraestruturas hidráulicas, senón que se debe lograr a máxima eficiencia nos sistemas de saneamento e depuración.
Os asistentes quedaron emprazados a una nova reunión, que se celebrará nas próximas semanas, de carácter máis técnico, na que se irá acotando os problemas existentes sobre o sistema de saneamento, para centrar o alcance dos estudos e as posibles solucións a plantexar.
Por último, sinalou que o saneamento das nosas rías é unha tarefa que require da implicación e do traballo de todos, tamén das administracións locais, dado que son as responsables das redes de saneamento, do seu estado e da súa conservación.