publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta prevé incorporar un centro de día en Cee na súa planificación do próximo ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCeeLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Cee

Beatriz Mato na reunión coa alcaldesa de Cee

A Consellería de Traballo e Benestar prevé incorporar na súa planificación de servizos sociais desta lexislatura un centro de día para a localidade de Cee. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, mantivo hoxe na Xefatura Territorial da Coruña unha xuntanza coa alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, na que se comprometeu incluír un equipamento de maiores no 2016 nesta vila. O encontro de hoxe é un paso máis sobre este proxecto, que se analizou na visita da conselleira ao obradoiro da localidade o pasado mes de febreiro, despois dunha visita dos técnicos do departamento de Benestar para analizar a viabilidade da conversión do edificio da antiga escola infantil. Así, a partir de agora, o seguinte paso entre ambas administracións será a redacción do proxecto, que se prevé facer este ano.

O Concello de Cee conta no núcleo urbano cun edificio que albergou no seu día unha escola infantil municipal e que na actualidade está sen uso. A alcaldesa propuxo á conselleira acondicionar estas instalacións para centro de día. Tal e como se reflicte no informe previo de viabilidade técnica, o edificio ten unhas adecuadas condicións para albergar un servizo para maiores. No documento sinálase que está ben situado, ten espazo exterior, tanto cuberto como descuberto, unha superficie suficiente e o edificio, en xeral, atópase en bo estado de conservación. Podería albergar ao redor de 25 prazas. Agora, tal e como explicou Mato, analizarase, tendo en conta este informe previo de viabilidade, o custe do proxecto e o número de prazas coas que podería contar.

Investimentos no Concello

Doutra banda, a titular do departamento autonómico tamén se referiu ao investimento que ten realizado a Consellería de Traballo e Benestar no Concello de Cee o ano pasado. Así, tanto en emprego como na área social supera o millón de euros: máis de 200.000 euros no ámbito laboral e preto de 850.000 no social.

En materia laboral, destaca o financiamento de preto de 180.000 euros para o obradoiro de emprego que Cee comparte xunto con Fisterra e Corcubión no que se están a formar 20 alumnos e alumnas nas especialidades de xardinería e páxinas web. Os seus participantes están levando a cabo a rehabilitación da antiga escola unitaria de Villestro como centro de visitantes Val de Roxos-Camiño de Fisterra e a elaboración de recursos e materiais para a promoción do turismo ecolóxico nesta mesma zona, así como o mantemento das súas páxinas web. Na área social resaltan o incremento nun 210 por cento das horas do Servizo de Axuda a no Fogar (SAF) para persoas dependentes e axuda de preto de 72.000 euros para a contratación de 8 perceptores da RISGA.

27 de marzo de 2015 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.