A Xunta pide que se subsanen varios aspectos da documentación do PXOM de Carballo
O Concello de Carballo vén de recibir os requirimentos por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta respecto da “integridade documental” do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo. Así, a Xunta conta cun mes dende que se lles remite o plan para comprobar que está incluída toda a documentación e esixir as pertinentes subsanacións, en caso de ser necesarias. Xusto no día en que se cumpría o prazo dun mes, o pasado martes 10 de marzo, a notificación da Xunta foi recibida no Rexistro de Entrada do Concello. Segundo explican tanto o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, a consellería refírese a tres aspectos da documentación, dos cales dous son “cuestións nimias”, puntualizan.
Así, un recolle a necesidade de que conste unha comunicación á Consellería de Facenda da Xunta da aprobación inicial e provisional do PXOM; e o outro demanda a inclusión dunha cuadrícula de “servidume de estradas”, un plano de ordenación do núcleo rural do Quinto e unha xustificación dos criterios das Directrices de Ordenación do Territorio. Non obstante, o terceiro aspecto refírese a dous ámbitos, o UU-R13 e o UU-R14, que están afectados pola zona de fluxo preferente recollida nos mapas de zonas inundables do Plan Hidrográfico de Galicia Costa que está en proceso de ser aprobado definitivamente pola Xunta. Son dous ámbitos de solo urbano non consolidado que se informan “desfavorablemente” e que están situados na zona do San Martiño e nunha área na contorna da rúa Vila de Negreira da capital municipal. Despois de celebrarse hoxe pola mañá unha xuntanza da Comisión informativa de Urbanismo e Medio Rural con presenza de todos os voceiros municipais, así como de membros do equipo redactor do PXOM e técnicos municipais, acordouse por unanimidade que, para cumprir con este terceiro aspecto -recollido nun informe elaborado por Augas de Galicia-, o Concello carballés vai seguir o mesmo criterio que outros concellos que tamén están en proceso de aprobar o seu planeamento de forma definitiva e que se atopan nunha circunstancia similar.
Así, segundo informa Milagros Lantes, elaborarase unha xustificación na que se expliquen os motivos polos que estes ámbitos están incluídos no Plan Xeral de Ordenación Municipal e, ademais, especificarase nas fichas do UU-R13 e do UU-R14 que calquera desenvolvemento futuro que afecte a estas zonas deberá contar cun informe favorable de Augas de Galicia. O Alcalde espera que a final de semana podan remitirse as subsanacións para poder continuar co proceso de aprobación definitiva do PXOM. Unha vez a Xunta reciba toda a documentación, poderá ditaminar nun prazo de dous meses a aprobación ou o rexeitamento do PXOM, unha aprobación parcial ou unha aprobación con condicións do planeamento.











