A Xunta ofrece ao Concello de Lugo a máxima colaboración para que conte o antes posible cun PXOM que ordene o 100% do seu territorio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+

A Xunta de Galicia ofrece ao concello de Lugo a máxima colaboración institucional para conseguir que a cidade conte o antes posible cun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) que ordene o 100% do seu territorio. Así llo trasladou esta mañá a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta, Encarnación Rivas ao alcalde Xosé López Orozco durante unha reunión de traballo mantida en Lugo xunto con técnicos da Xunta e portavoces municipais. Trátase da sexta reunión de traballo mantida desde 2010 entre ambas as dúas administracións polo PXOM.

Segundo destacou Rivas, cando están a piques de cumprirse 4 anos da aprobación definitiva parcial do PXOM do Lugo cómpre darlle un novo impulso ao documento. “Hoxe sentamos as bases da aprobación definitiva do PXOM de Lugo, clarexando dúbidas e consensuando os criterios”.

Durante a reunión de hoxe, o Concello informou de que se porá en contacto coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para clarexar o alcance dos estudios de asolagamento a realizar necesarios para acadar o requirimento deste organismo.

A Xunta comprometeuse a que unha vez que o concello lle faga chegar o estes estudos de asolagamento tramitará a aprobación definitiva da parte suspensa (5%) coa máxima axilidade.

Aprobación parcial en abril 2011

O plan xeral que foi obxecto dunha Orde de Aprobación Parcial do 29 de abril de 2011 que deixou en suspenso o 5% do ámbito do PXOM.

Aínda que posteriormente o Concello de Lugo revisou e emendou os aspectos que supoñían o 5% do ámbito do PXOM, a aprobación definitiva total do PXOM de Lugo quedou aprazada en abril de 2013 ata que o Concello dese cumprimento aos requirimentos da Confederación Hidrográfica Miño- Sil, que solicitaba a realización dun estudo de asolagamento. A solicitude da Confederación produciuse tras analizar a documentación presentada polo concello ao obxecto de valorar a afección aos cursos fluviais.

3 de marzo de 2015 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.