A Xunta licitará o estudo para fixar as necesidades da integración da estación de autobuses da Coruña na intermodal de San Cristóbal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+
Belén do Campo na estación de autobuses

Belén do Campo na estación de autobuses

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, adiantou esta mañá que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará mañá, 31 de marzo, o contrato para a realización do estudo que permitirá determinar as necesidades técnicas e económicas que require a integración da estación de autobuses da Coruña na futura intermodal, que se localizará en San Cristóbal. Deste xeito, indicou, dáse un paso máis para seguir avanzando nunha actuación que xa ten os fondos europeos garantidos, pois a Unión Europea ven de confirmar a partida do novo Programa Operativo 2014-2020 para desenvolver as novas estacións intermodais en Galicia. En total, serán 34 millóns de euros, dos cales un 20% serán de fondos propios, para garantir estas novas infraestruturas, entre as que se atopa a da cidade herculina.

Do Campo destacou que este novo contrato é unha proba máis do compromiso do Goberno galego coa intermodalidade dos veciños da cidade e manifestou que, nesta aposta, o Executivo autonómico conta co apoio e colaboración do Ministerio de Fomento, que porá en marcha de xeito inmediato o Eixo Atlántico de Alta Velocidade. “O Goberno de España, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia estamos a traballar de forma conxunta e coordinada para acadar o que sen dúbida é un gran proxecto: dotar á Coruña dunha estación adaptada ao novo tempo, que se abre para os novos modos de transporte”, explicou.

A delegada territorial fixo estas declaracións hoxe na visita á actual estación de autobuses da rúa Caballeros, na que se veñen de acometer actuacións de mellora das instalacións. Os traballos, que contaron cun orzamento de preto de 385.000 euros, incluíron a instalación de dous ascensores novos, que permitirán enlazar de forma directa a planta principal da estación coas dársenas de saída e de chegada de autobuses. Os elevadores sitúanse en dúas estruturas de formigón unidas coa planta principal mediante dúas pasarelas peonís. Tamén se colocaron dúas novas escaleiras mecánicas para conectar a planta semisoto coas dúas dársenas.

Outras actuacións do Concello

O proxecto levado a cabo pola Xunta de Galicia na estación vén completar as actuacións previstas polo Concello da Coruña, que nos vindeiros meses contempla un investimento de máis de 700.000 euros, o que eleva o conxunto do orzamento consignado polas dúas administracións por riba do millón de euros.

As obras proxectadas polo goberno local consisten na repavimentación do firme das dársenas. Tamén se levará a cabo a reforma funcional das instalacións, con criterios de eficiencias enerxética na iluminación ou a habilitación dunha zona wifi, abriranse novos accesos pola rúa Pérez Ardá e instalaranse novos aparcadoiros para bicicletas e motos.
“Desde a Xunta de Galicia estamos a traballar para engadir valor ás estacións de autobuses, a través da súa modernización, ao tempo que se mellora o servizo aos usuarios ao potenciar a accesibilidade e a calidade das instalacións”, manifestou a máxima representante do Goberno galego na provincia, quen engadiu que deste xeito trátase de fomentar o uso do transporte público.

Aparcadoiros disuasorios

A delegada territorial recordou tamén outra das medidas do departamento autonómico para promover o transporte público, como son os aparcadoiros disuasorios. Así, recordou que as obras do primeiro que se construirá na Coruña, en Lonzas, comezarán no mes de maio, coa previsión de que estea rematado este mesmo ano. Trátase dunha infraestrutura na que se investirán 560.000 euros e que disporá de máis de 170 prazas de aparcamento.

Contará cunha excelente conexión coa rede viaria de accesos á cidade herculina, feito que incidirá moi positivamente na mellora da mobilidade dos seus cidadáns. Este novo aparcadoiro tamén favorecerá a accesibilidade das persoas que se acheguen ata A Coruña, incidirá no uso do transporte público e facilitará o intercambio entre medios de transporte.

30 de marzo de 2015 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.