A Xunta licita cun orzamento de 283.000 euros as obras de reforzo do firme nas estradas PO-330, 331 e 332 ao seu paso pola área territorial de Vigo
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, licita hoxe as obras de reforzo do firme localizado nas estradas autonómicas PO-330, PO-331 e PO-332 ao seu paso polos concellos de Vigo, Mos, Gondomar e Nigrán.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe mesmo o anuncio da Axencia Galega de Infraestruturas e, deste xeito, a delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá a parroquia de Zamáns -zona pola que transcorre a PO-331 que será motivo dunha das melloras- para informar destas actuacións na área territorial de Vigo. Ditas actuacións se licitan por un orzamento superior aos 283.000 euros (283.147,11 euros) e contan cun período de execución de 6 meses.
As obras que se van a executar están motivadas polos importantes deterioros e deformación que presentan as estradas e, concretamente, actuarase nos seguintes treitos:
– PO-330: PQ 5+000 ao 6+200 no Concello de Vigo. O investimento a realizar nesta estrada aproxímase aos 70.000 euros.
– PO-331: PQ 7+300 ao 9+000, 11+200 ao 14+480, 15+740 ao 17+450. Os treitos discorren polos concellos de Vigo, Gondomar e Mos. O investimento a realizar nesta estrada aproxímase aos 160.000 euros.
– PO-332: PQ 5+300 ao 6+500. O treito discorre polos concellos de Gondomar e Nigrán. O investimento a realizar nesta estrada aproxímase aos 50.000 euros.
En definitiva, máis de 283.000 euros para obras que consistirán na reparación do firme existente mediante o fresado e reposición da capa de rodadura, o fresado localizado e reposición da capa intermedia, a extensión dunha capa de microaglomerado en frío, a reposición de marcas viais ou a reposición do balizamento.
Ademais, un dato que resaltou a delegada é que as actuacións previstas neste proxecto non implican a realización de expropiación algunha xa que todas as actuacións que se executan están incluídas dentro da franxa do dominio público. Así, serán máis de 340.000 os veciños e veciñas dos concellos de Vigo, Mos, Gondomar e Nigrán os que potencialmente se verán beneficiados destas melloras.
Por último, Bravo Bosch sinalou que a conservación das estradas autonómicas é unha prioridade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e, de feito, neste senso a Xunta de Galicia ten previsto mobilizar na área sur da provincia de Pontevedra máis de 11 millóns de euros ao longo dos vindeiros catro anos en obras de viabilidade e conservación ordinaria da Rede de Estradas de Titularidade Autonómica.