A Xunta licita a redacción do proxecto para a nova estación de autobuses de Vigo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe a redacción do proxecto para a construción da nova estación de autobuses de Vigo, que fará da terminal de Urzáiz un gran centro de intermodalidade para os distintos sistemas de transporte.
A licitación, publicada hoxe na plataforma de contratos públicos de Galicia, supón abrir un concurso público para a redacción do proxecto básico e do proxecto de execución da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Vigo, por un importe de 349.705 e un prazo de nove meses.
Este proxecto definirá os aspectos fundamentais do proxecto da nova estación, no que respecta á funcionalidade, formas, construción ou os aspectos económicos.
Este contrato constitúe un paso máis para acadar un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia, seguindo a liña marcada pola Unión Europea, como é a intermodalidade entre os diferentes modos de transporte, con vistas a favorecer a mobilidade das persoas e potenciar o uso do transporte público.
A Consellería de Medio Ambiente cumpre así os compromisos adquiridos para dotar das máximas posibilidades de intermodalidade á estación de Vigo.
Unha intermodalidade que sen dúbida promoverá a posta en marcha do novo Plan de Transporte Metropolitano de Vigo a finais de abril, que incluirá o transporte de ría.
En concreto, o contrato inclúe os seguintes traballos:
Topografía. Realización dos traballos topográficos necesarios para a redacción dos proxectos básico e de execución.
Xeotecnia. Recompilación da información xeotécnica existente e realización dos traballos necesarios para a redacción dos proxectos básico e de execución
Patrimonio cultural. Recompilación da información arqueolóxica existente e realización das prospeccións necesarias para a realización do proxecto.
Redacción do proxecto básico. Definirá os aspectos fundamentais da obra (funcionais, formais, construtivos e económicos) mediante a adopción e xustificación de solucións concretas.
Redacción do proxecto de execución. Desenvolverá o proxecto básico e definirá a obra na súa totalidade coa determinación completa dos detalles e especificacións de todos os materiais, elementos, sistemas construtivos e equipos necesarios.
Edición e reprodución. Edición e reprodución das copias necesarias dos documentos definitivos, tanto en papel como en formato dixital (aberto e de só lectura). Inclúe a elaboración dunha infografía en 3D e dunha maqueta.











