A Xunta inviste 425.000 euros na comarca de Pontevedra para a contratación de 45 perceptores da Risga
A Consellería de Traballo e Benestar investirá nos concellos de Pontevedra e a súa comarca máis de 425.000 euros, o que permitirá que estas localidades poidan contratar a 45 perceptores da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) no marco da orde de axudas que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado mes de xaneiro e á que se destinou en toda Galicia un total de 10 millóns de euros, o dobre que o ano pasado.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz López, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicaron hoxe en rolda de prensa as características desta actuación destacando que este orzamento permite que a totalidade dos concellos galegos que solicitaron esta axuda e que cumpran cos requisitos marcados na orde recibirán a subvención. En toda Galicia, os concellos beneficiados serán preto de 210, o que permitirá a contratación dun millar de persoas.
Dado os resultados positivos do ano pasado, este ano introducíronse novidades co fin de chegar ao máximo de persoas posibles. Por iso ampliouse o orzamento e abriuse o abano de beneficiarios, ao eliminar o requisito de ter unha antigüidade de 6 meses.
A directora xeral de Emprego e Formación explicou que na provincia de Pontevedra serán ao redor de 350 as persoas beneficiarias destinando así un orzamento que superará os 3 millóns de euros. No que respecta á cidade de Pontevedra, o investimento supera os 200.000 euros co fin de contratar a 20 beneficiarios da RISGA.
Os beneficiarios serán contratados polos concellos, deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e seguirán tendo preferencia aquelas persoas que estean comprometidas coa realización dun itinerario sociolaboral, así como aos que contan con cargas familiares.
Ademais, os contratos realizaranse polo 75% da xornada laboral –a orde recolle entre un 50 e un 75%-, para que os beneficiarios disfruten da xornada máxima que recolle a orde. Todos os contratos terán unha duración de 7 meses e deberán estar vinculados á realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, que serán decididos polos propios concellos. A Consellería, ao igual que o ano pasado, volverá sufragar o total dos custes salariais dos traballadores, incluída a cotización á Seguridade Social.
Outras iniciativas
Esta convocatoria inscríbese na aposta da Consellería por traballar a prol da inclusión activa dos colectivos máis vulnerables. Por exemplo, nesta mesma liña enmárcanse outras dúas ordes de emprego como a orde de obradoiros de emprego, que para este ano prevé unha reserva do 20% das prazas totais para os preceptores da RISGA, sempre que haxa candidatos que o fagan posible.
Pola súa banda, os Plans integrados de emprego disporán por primeira vez dunha tipoloxía de programa específico para os beneficiarios da RISGA. Neste caso, os custos subvencionables por participantes serán máis altos que nos ordinarios.
A aposta pola inclusión reflíctese non só nas ordes concretas, senón tamén a nivel normativo e de planificación. Así, en 2013, aprobouse unha nova Lei de inclusión Social de Galicia, un marco legal mellorado e actualizado que articula unha nova RISGA dividida en tres tramos para estimular e favorecer a inserción laboral. A inclusión activa é tamén un dos piares fundamentais na nova Estratexia de Inclusión Social, que se aprobou en decembro, e que contará con máis de 521 millóns de euros de orzamento e máis de 300 medidas concretas.