publicidade hoxe

A Xunta inviste 360.000 euros na segunda fase do saneamento de Santa María de Ois

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCoirós
A-
A+

O Consello da Xunta de Galicia aprobou a colaboración técnico-financeira da Xunta de Galicia co concello de Coirós para a execución da segunda fase da obra de saneamento na parroquia de Santa María de Ois.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achega un investimento de máis de 360.000 euros para a execución destas obras de carácter hidráulico.

O núcleo de Santa María de Ois e a parroquias circundantes están dotados dunha rede separativa de saneamento, pero existen zonas que quedaron excluídas das fases precedentes de construción de colectores. Coa execución desta 2ª fase preténdese cumprir o obxectivo de dotar de servizo de saneamento practicamente o 100 % das vivendas da zona de actuación.

Proxéctase unha rede de saneamento de augas residuais formada por 10 colectores de PVC e 315 mm de diámetro, cunha lonxitude total de 1.778 metros, cos seus correspondentes pozos, que suman un total de 59.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, mediante este tipo de colaboracións técnicas e financeiras cos concellos galegos, pretende resolver as carencias en infraestruturas nos municipios, mellorando así a calidade de vida dos cidadáns e fomentando o desenvolvemento económico e social.

Primeira fase

Cómpre lembrar que no ano 2012 a Xunta entregou ao Concello de Coirós a primeira fase do saneamento para a parroquia de Santa María de Ois, na cal o Goberno galego investiu máis dun millón de euros.

Con esta obra dotouse a zona dun sistema de rede separativa de colectores de residuais, o que permite o posterior tratamento dos caudais recollidos a través da EDAR da Espenuca, en Coirós.

Esta nova rede recolle as augas fecais dos lugares de A Anta, A Berbecha, Castrillón, A Costa, A Fontela, Os Loureiros, Parada, As Penas, Recebés e Xora.

26 de marzo de 2015 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.