publicidade hoxe

A Xunta investiu máis de 52.000 euros na mellora da praza de abastos de Boiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+
Belén do Campo en Boiro

Belén do Campo en Boiro

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe a praza de abastos da localidade, na que veñen de realizarse melloras co fin de converter as instalacións en dinamizadoras da economía local e en referencia da venda de produto fresco e de calidade. Os traballos contaron cunha subvención por parte da Consellería de Economía e Industria de 52.951 euros, é dicir, o 75% do total do investimento.

Na visita, na que estivo acompañada polo alcalde, Juan José Dieste, Do Campo sinalou que as reformas realizadas consistiron en crear un novo espazo cuberto dentro do propio recinto duns 500 metros cadrados de superficie para dar cabida a diversas actividades a prol do incremento das vendas e da atracción de visitantes. Así, procedeuse á demolición de algúns elementos de tabiquería en desuso para obter un espazo diáfano e abriuse un oco na fachada principal para a instalación dunha nova porta, que permite a conexión entre o mercado e o novo espazo. As obras completáronse coa colocación de falso teito e de pavimento antiesvarante.

“O novo espazo habilitado permitirá levar a cabo iniciativas tan diversas como catas de produtos típicos, actividades para a participación de nenos ou de tipo cultural compatibles coa labor dos praceiros”, comentou a delegada territorial, quen apuntou que, “con propostas deste tipo, impúlsase unha venda moderna, con novos servizos, ao tempo que se mantén a súa esencia, baseada na calidade, a diversidade e a atención ao cliente”. “Todo isto non sería posible sen a estreita colaboración que concellos como o de Boiro veñen mantendo co Goberno galego”, incidiu.

Neste sentido, a máxima representante do Goberno galego recordou que en poucas semanas se resolverá a nova orde de axudas destinada aos municipios galegos para impulsar as prazas de abastos, dotada con preto de 3 millóns de euros. Mediante esta convocatoria, os municipios de ata 70.000 habitantes poderán optar a axudas para a modernización dos mercados que chegan aos 150.000 euros.

Apoiaranse tamén actuacións para atraer nova clientela e dinamizar as vendas nas prazas de abastos, así como proxectos de mellora nas rúas contiguas ás mesmas, con axudas de ata 80.000 euros. Os concellos de menos de 20.000 habitantes poden acceder ademais a apoios de ata 30.000 euros para realizar melloras nos espazos destinados aos mercados tradicionais de apertura periódica.

26 de marzo de 2015 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.