A Xunta investirá 16.000 euros na reforma da cuberta do patio do CEIP Laredo de Chapela
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá o CEIP Laredo de Chapela, en Redondela, para informar da recente adxudicación das obras de reforma da cuberta do patio e dos vestiaris que, cun investimento que chega case aos 16.000 euros, vai a executar a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Acompañada polo alcalde de Redondela, Javier Bas, o director do centro educativo, Abraham Domínguez, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, César Pérez Ares, Bravo Bosch percorreu as instalacións do colexio e coñeceu pormenorizadamente a actuación que se vai a levar a cabo de forma inmediata. “Comezarán nas vindeiras semanas”, confirmou a delegada.
As obras, que contan cun prazo de execución de 45 días, foron adxudicadas a finais do mes de febreiro á empresa Cubiertas P.Galicia, S.L.U e consistirán na reforma da cuberta de patio e vestiarios. O orzamento é de 15.676,75 euros (IVE incluído) e os traballos xustifícanse porque, segundo explican os técnicos de Educación, “co paso do tempo e os cambios habidos na climatoloxía existían moitas filtracións de auga na cuberta do patio e nos vestiarios que facían perigoso o uso do mesmo pola comunidade educativa”. Deste xeito, coa nova cuberta conseguirase máis illamento, máis seguridade e tamén se alixeira o peso da estrutura.
O CEIP Laredo de Chapela conta con 146 alumnos e alumnas e, nos últimos anos, a Consellería de Educación investiu máis de 50.000 euros en distintas melloras da infraestrutura educativa tales coma reformas na fontanería, na instalación eléctrica, entre outras.
A delegada aproveitou a ocasión para coñecer tamén a biblioteca escolar do centro posto que, dende o ano 2013, está acollida ao Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), polo que recibiu 5.550 euros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por este concepto. Ademais, o CEIP Laredo conta tamén con contratos-programa nas liñas de reforzo, orientación e apoio; reforzo da competencia matemática; reforzo da competencia lingüística; mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; e mellora da calidade na xestión dos centros.
Por último, durante este curso o centro acolleuse tamén ás axudas para distribuír froita fresca entre os alumnos e alumnas en virtude das subvencións concedidas polo Fondo Galego de Garantía Agraria para a súa distribución ao alumnado durante o presente curso académico. Ao longo do ano o centro establece 3 semanas de fomento do uso da froita fresca para sensibilizar aos rapaces no consumo dos devanditos alimentos así como probar diferentes formas de consumo non cotiás dende un entorno educativo.
En definitiva, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Univesitaria amosa así o seu compromiso coa comunidade educativa e, en concreto, coas melloras das infraestruturas educativas do Concello de Redondela onde, nos últimos anos, leváronse a cabo reformas que superaron 1 millón de euros en varios centros de Primaria e Secundaria.