publicidade hoxe

A Xunta investe 414.000 euros na ampliación do CIFP A Xunqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CIFP A Xunqueira, onde anunciou que o seu departamento ten previsto executar este mesmo ano obras de ampliación para a instalación de 2 novos talleres destinados a impartir ciclos da familia profesional de Madeira e moble. O investimento, de 414.000 euros, ratifica a aposta da Xunta de Galicia pola Formación Profesional como ensinanzas de alta cualificación que representan, ademais, unha oportunidade para a inserción laboral. Cómpre salientar que esta actuación, xunto coas obras de ampliación do CIFP Carlos Oroza, supón que o investimento total da Consellería nos centros integrados de FP da cidade de Pontevedra acade os 1,6 millóns de euros.

A actuación no CIFP A Xunqueira enmárcase no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Súmase, ademais, ás melloras executadas na instalación eléctrica do centro nos últimos anos, así como ás achegas á súa biblioteca e ao seu club de lectura, conformando un investimento total superior aos 513.000 euros.

O conselleiro quixo ademais salientar que os novos espazos serán utilizados polo alumnado de FP Básica, a nova modalidade implantada ao abeiro da LOMCE que supón unha ferramenta para a loita contra o abandono escolar temperá, ofrecendo á mocidade unha opción atractiva para permanecer dentro do sistema educativo. O feito de que ao remate desta etapa o alumnado obteña un título de Formación Profesional inicial é un estímulo engadido que pode fomentar que as rapazas e rapaces opten por matricularse nun ciclo de grao medio e continuar a súa formación.

Deste xeito o investimento da Consellería na ampliación do CIFP A Xunqueira convértese nunha clara demostración do seu apoio aos estudos de FP e reforza a estratexia de posta en valor dos mesmos que se ten desenvolvido nos últimos anos. Ao mesmo tempo, constitúe un novo exemplo das actuacións que desde este departamento se están a poñer en marcha para conseguir que cada vez menos galegas e galegos abandonen o sistema educativo sen unha titulación que avale a súa cualificación.

Construción de talleres

A obra de ampliación prevista consistirá no peche dos laterais da antiga pista polideportiva cuberta para o acondicionamento neste espazo de 410 metros cadrados. Neles instalarase un taller de madeira para a FP Básica, un almacén e un lugar para que o alumnado poda practicar a montaxe das casas prefabricadas de madeira e estruturas similares. As novas instalación conectaranse co resto do complexo prolongando un dos pasaxes peonís existentes.

O obxectivo é executar este mesmo ano as obras. O inicio das mesmas está previsto contra o verán, co fin de evitar as molestias ás comunidade educativa.

Durante a súa visita ao centro o conselleiro estivo acompañado polo director do centro, Rafael Maximino A. Núñez; polo delegado da Xunta na provincia, José Manuel Cores Tourís; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; entre outras autoridades.

16 de marzo de 2015 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.