A Xunta establece medidas fiscais que eliminan a tributación nas transmisións de explotacións agrarias e leiras rústicas
As bonificacións e exencións fiscais das que se poden beneficiar as explotacións agrarias foron explicadas polo director xeral da Axencia Tributaria de Galicia, Ulpiano Villanueva, nunhas xornadas sobre a fiscalidade no medio rural galego celebradas no Concello de Lalín Así mesmo o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, incidiu nas melloras que en cuestións de tributos se propoñen na nova Lei de Mellora da estrutura territorial Agraria de Galicia (METAGA)
Hoxe celebrouse na sala de prensa Concello de Lalín, totalmente chea, unha xornada sobre “A fiscalidade no medio rural galego”, na que se explicou aos participantes, gandeiros, cooperativas e outros representantes do sector, os beneficios fiscais contemplados en distintas normativas dos que se poden beneficiar, facendo especial fincapé nos beneficios e exencións de impostos cuxa competencia ten a Xunta de Galicia, co fin de favorecer o desenvolvemento viable das explotacións agrarias e a dinamización da mobilidade de terras.
As xornadas contaron coa presenza do director xeral da Axencia Tributaria de Galicia, Ulpiano Villanueva, e do director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, ademais do alcalde de Lalín, José Crespo, que abriu o encontro e resaltou a importancia desta charla-coloquio para o sector dada a temática que se trata. Agradeceu a presenza dos directores da Xunta a súa presenza en Lalín e resaltou o esforzo importante que desde o Goberno galego se fixo en materia de fiscalidade para o medio rural.
Así mesmo apuntou a posibilidade de que estas xornadas se podan realizar noutras zonas de vocación agraria. Indicou que se colgará na páxina web do Concello a presentación realizada na xornada para consulta das persoas interesadas. Asistiron tamén ao encontro o edil de Produción e Actividade Agraria, Manuel Fernández; e as concelleiras da zona do Corpiño e da área de Vilatuxe, Eva González, e Sara Fernández.
Os representantes da administración autonómica expuxeron cales son os impostos sobre os cales actuou a Xunta diminuíndo a presión fiscal sobre as explotacións, sobre todo, no relativo ás transmisións das mesmas e das leiras rústicas.
Nas xornadas, orientadas aos profesionais do campo, asesorías fiscais, cooperativas, etc., Ulpiano Villanueva fixo un repaso pormenorizado das exencións e bonificacións fiscais que a Xunta estableceu nos últimos anos nos tributos cedidos polo Estado sobre os que ten as competencias de xestión e recadación. Así, comentou que aparte dos beneficios existentes na normativa estatal, o Goberno galego estableceu medidas máis favorecedoras nos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITPAXD), e de sucesións e doazóns.
Entre as numerosas vantaxes fiscais que se debullaron na súa intervención, cabe destacar aquelas que afectan á adquisición mediante herdanza ou doazón dun agricultor dunha explotación activa existente, aquelas que permiten a incorporación de parcelas de carácter forestal ás comunidades de montes, ou aquelas que exentan do imposto de transmisións a realización de permutas de fincas agrarias.
Logo disto, o director xeral de Desenvolvemento Rural expuxo as melloras que neste ámbito propón o Proxecto de Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (METAGA), que neste intre se atopa en trámite parlamentario. Primeiramente indicou que estas medidas fiscais propostas no texto do proxecto de Lei, seguramente sairán adiante, xa que os artigos foron ben acollidos pola totalidade dos grupos políticos e non foron obxecto de ningunha emenda.
Antonio Crespo, explicou que logo da aplicación da METAGA, os herdeiros cuxa actividade profesional non sexa a agraria poden tamén ter os mesmos beneficios que os profesionais do campo sempre que as súas fincas rústicas sexan transmitidas en propiedade ou cedidas en arrendamento a un agricultor ou gandeiro, ou mesmo sexan postas a disposición das explotacións no Banco de Terras de Galicia.
Deste xeito o que se busca é que aquelas parcelas cuxo futuro sería a infrautilización ou abandono, debido a que os herdeiros non a precisan para a súa actividade diaria acaben formando parte da base territorial das explotacións e estás poidan redimensionarse e ser máis competitivas.
Tamén se expuxo a exención no Imposto de Transmisións Patrimoniais se as parcelas que se traspasen están incorporadas ao Banco de Terras durante un período de 5 anos. Todos estes beneficios existentes e aqueles que se engadan logo da aprobación da METAGA, conforman un conxunto de medidas que practicamente eliminan a tributación nas transmisións de explotacións agrarias e leiras rústicas, sexa por compravenda, doazón u herdanza e sempre, está claro, que ditas leiras e explotacións estean afectadas profesionalmente ao desenvolvemento de actividades agrarias.
Desta forma o gravame sobre a transmisión, non é obstáculo para o inicio ou ampliación das devanditas explotacións e ao mesmo tempo foméntase a mobilidade da terra, o seu uso, e lóitase contra o abandono e os seus efectos.











