publicidade hoxe

A Xunta espera que a operación na confraría de Cabo de Cruz se aclare canto antes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, espera que “todo se aclare o máis rápido posible” no tocante á operación desenvolvida na confraría de Cabo de Cruz, en Boiro (A Coruña), despregada pola Garda Civil dende o martes, na que se detiveron catro persoas -dúas delas xa postas en liberdade- por supostas irregularidades económicas no pósito.

“O tema está baixo segredo de sumario e nós só podemos ser os máis respectuosos coa Xustiza, colaboramos en todo o que nos demandaron para pasar os informes que os Corpos e Forzas de Seguridade nos solicitaron”, deste modo contestou Rosa Quintana este mércores en declaracións aos medios en Santiago de Compostela. “O único que espero e desexo é que todo se aclare o máis rápido posible”, apostilou.

A preguntas da prensa sobre se considera que este caso pode prexudicar a imaxe do resto de confrarías, Rosa Quintana deixou claro que: “O que non se pode é xeneralizar as cousas, como en todo, hai xente que fai ben as cousas e hai xente que as fai mal”.

“De aí non podemos deducir que todas as confrarías funcionen mal, hai un caso que se está a investigar na Xustiza e é un caso. Non me gusta facer conclusións de que todo se está a facer mal, todo o contrario, as confrarías son organismos de entidades públicas, presentan as súas contas con carácter anual e eu supoño que a inmensa maioría dos profesionais que traballan nas confrarías fan as cousas ben”, defendeu a conselleira do Mar.

Na operación foron detidos o expatrón maior, Carmelo Vidal; a exvicepatrona maior e expresidenta da agrupación de mariscadoras, Ermidas P.; a secretaria do pósito e un traballador dunha xestoría que tivo unha relación habitual coa entidade, á que asesoraba e levaba a contabilidade.

ANÁLISE RÍA DO BURGO

Noutra orde de cousas, este mércores esperaban os resultados das análises do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) sobre a vertedura de hidrocarburos rexistrada na ría do Burgo e inmediacións da Coruña que obrigou ao peche preventivo para a actividade marisqueira.

Preguntada por esta cuestión, Quintana limitouse a expresar que na mañá deste mércores aínda non se tiñan os resultados, posto que son unhas probas “complicadas”.

‘KUNLUN’

Por outra banda, Quintana dixo non ter información sobre se o buque ‘Kunlun’ apresado en Thailandia por pesca ilegal pertence a Vidal Armadores, investigada no marco da ‘Operación Sparrow’.

Tanto o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio, como a Xunta de Galicia están a traballar rexeitando todo o que é pesca ilegal non declarada e non regulada”, subliñou. A isto agregou que “España está a dar os máis altos niveis de persecución deste tipo de actividades”.

“Non os queremos, non queremos que se produza nin nas nosas augas nin en ningunha onde poida faenar a flota española ou galega”, finalizou acerca da pesca ilegal.

18 de marzo de 2015 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.