A Xunta entregou aos seus adxudicatarios 45 vivendas de promoción pública construídas no Bertón, en Ferrol
A Xunta de Galicia entregou hoxe as chaves das súas vivendas de promoción pública a 45 adxudicatarios no polígono ferrolán do Bertón, no que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) construíu un total de 52 vivendas de promoción pública. O Goberno galego investiu preto de 5,8 millóns de euros na execución destes inmobles.
As vivendas entregadas hoxe foron todas adxudicadas en réxime de alugueiro, mentres que as sete vivendas restantes, adxudicadas en réxime de compravenda, serán entregadas aos seus adxudicatarios unha vez quede formalizada a correspondente hipoteca.
Os adxudicatarios das vivendas pagarán rendas mensuais que van dos 98,02 aos 191,72 euros, en función da superficie da vivenda e dos ingresos ponderados da unidade familiar adxudicataria.
As vivendas de promoción pública construídas polo IGVS no polígono do Bertón distribúense en dous bloques de 24 e 28 vivendas respectivamente. O bloque de 24 vivendas é un edificio de tres sotos, planta baixa e catro plantas, que ocupa unha parcela de 1.054 metros cadrados, cunha superficie total construída de máis de 5.600 metros cadrados.
As 24 vivendas deste bloque dispoñen de dous dormitorios, con superficie útil que vai dos 68,97 ao 70,41 metros cadrados. Ademais existen tres locais comerciais nos baixos. Todos contan con praza de garaxe e rocho.
Pola súa parte, o bloque de 28 vivendas dispón de dúas sotos, planta baixa e catro plantas, con cinco vivendas de dous dormitorios (superficie útil entre 69,26 e 70,40 metros cadrados), 22 vivendas de tres dormitorios (superficie útil entre 83,17 e 88,40 metros cadrados) e unha vivenda de catro dormitorios, cunha superficie útil de 101,17 metros cadrados e adaptada para o seu uso por persoas con mobilidade reducida.
Este edificio ocupa unha parcela de 1.419 metros cadrados, cunha superficie total construída de 6.360 metros cadrados. Nos baixos existen tres locais comerciais. Tanto as vivendas coma os locais dispoñen dunha praza de garaxe e un rocho.