A Xunta destinou o ano pasado máis de 280.000 euros en axudas ao C.R.D.O. Valdeorras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, salientou esta mañá na Comisión 7ª que a Consellería do Medio Rural e do Mar destinou, o pasado ano, máis de 280.000 euros en axudas ao consello regulador da Denominación de Orixe Valdeorras.

Patricia Ulloa explicou que ademais das axudas destinadas a gastos de funcionamento, o consello regulador contou coas subvencións para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios con calidade diferenciada, por un montante de algo máis de 244.000 euros. Nesta liña de axudas contémplase a asistencia a certames comerciais, organización de feiras e realización de actividades publicitarias. Por último, a directora xeral sinalou que tamén recibiron preto de 16.800 euros para programas de calidade.

A maiores, Patricia Ulloa puntualizou que diversas adegas -adscritas á este consello regulador- beneficiáronse de preto de 138.000 euros en axudas para a promoción en terceiros países ou para investimentos en mellora da transformación e a comercialización.

Capón de Vilalba

Referente á situación actual do trámite para o Capón de Vilalba como produto de calidade, a directora xeral explicou que a orde que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 18 de febreiro supón o seu recoñecemento a nivel nacional como indicación xeográfica protexida. Así mesmo, puntualizou que agora resta a tramitación perante a Comisión Europea e a súa correspondente inclusión no Rexistro Comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Patricia Ulloa destacou que o propio sector conta cunha asociación na que están inscritos a maior parte dos criadores, e subliñou a existencia dalgunha iniciativa empresarial que pode contribuír ao desenvolvemento do produto e facer que non sexa unha produción tan estacionalizada. Resaltou que ademais do coñecido “Capón de Nadal”, o prego de condicións inclúe tamén o xenérico “Capón de Vilalba”, que aínda que con menos días de cría e menor peso, poderase comercializar durante todo o ano.

27 de marzo de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.