A Xunta destaca en Madrid a importancia dunha Administración eficiente, transparente e áxil
A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto explicou hoxe en Madrid a importancia de ter unha Administración eficiente na asignación de recursos, así coma transparente e áxil nos procedementos administrativos.
Natalia Prieto participou hoxe no Seminario “Transparencia e Administración Dixital”, que tivo lugar en Madrid na Aula Magna do Instituto Nacional de Administración Pública, e onde puxo á nosa Comunidade como exemplo de transparencia a nivel estatal.
A directora xeral relatou os avances levados a cabo na nosa comunidade desde o ano 2009 no eido da Transparencia e incidiu que esta plásmase por un lado, na existencia de regras, comportamentos e actitudes por parte das Administracións Públicas integrantes do sector público; e por outro lado, dende a vertente dos cidadáns que se materializa no recoñecemento e garantía do dereito á información público. Na mesma liña, a participación da cidadanía nos asuntos públicos é un dos eixes fundamentais da actuación das Administracións Públicas dos países occidentais, segundo palabras da directora xeral.
Así, a Comunidade galega puxo en marcha a transparencia informativa coa remodelación da Guía de Procedementos e Servizos, que define a relación dos procedementos e servizos postos a disposición dos cidadáns e empregados públicos, facilitando información de máis de 1.500 procedementos de relación entre a cidadanía e a Administración Pública Autonómica.
Grazas ao Plan de Axilización Administrativa -o chamado Plan Achega-, que ten como obxectivo aproximar a Administración galega á cidadanía mediante a adopción das medidas necesarias para incorporar todos os procedementos administrativos á sede electrónica da Xunta, redúcense os tempos de resolución e simplifícanse os trámites facilitando a presentación de documentación e axilizando así a prestación dos servizos públicos postos a disposición dos cidadáns.
Recentemente, o Consello da Xunta aprobou a Lei de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, actualmente en trámite parlamentario, que incidirá fundamentalmente na mellora dos canles de información ca cidadanía. E o Plan de Impulso Democrático, aprobado no mes de xaneiro, orientado ao fomento da transparencia e a garantía dos cidadáns para ter máis información e o establecemento dos controis oportunos en caso de incumprimento.