A Xunta de Goberno de Carballo aproba o contrato de xestión do ciclo da auga por un importe de 1,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de aprobar o expediente do contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo o modelo de concesión, que ten por obxecto o “Ciclo integral da auga do Concello de Carballo”. O goberno acordou licitar o servizo por un período dun ano e cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros.

O único criterio de valoración recollido será un canon dun mínimo de 100.000 euros, que as empresas poderán mellorar á alza. O novo contrato respectaría as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables. Nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos. Coa nova licitación, cuxo proceso o goberno espera ter pechado antes de que remate o mandato, evitaríase unha nova prórroga. As empresas terán 30 días de prazo para presentar as súas propostas dende que se abra o proceso.

No apartado de contratación tamén recibiu luz verde o expediente para o contrato administrativo de “Subministración de combustible para os vehículos e maquinaria do Concello de Carballo”. O contrato sería por un período de dous anos por un prezo anual de 65.167,93 euros. Tamén neste apartado aprobouse o expediente para o contrato de “Subministración da sinalización turística no núcleo urbano de Carballo”, cun prezo base de licitación que ascende a un total de 28.519,70 euros (IVE incluído). Xa no apartado de convenios aprobouse un acordo de adhesión do Concello a un acordo entre a Consellería de Traballo e Benestar, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Asociación Galega de Familias Numerosas (Afagan) para dar a coñecer os beneficios que os municipios galegos outorgan ás familias numerosas e polo que se darán a coñecer os concedidos polo Concello carballés.

Así mesmo, recibiu o visto e prace un acordo de colaboración entre empresas e o Centro Municipal de Formación para a realización de prácticas profesionais non laborais para mellorar a capacitación adquirida polo alumnado. No apartado de subvencións, aprobouse a solicitude da ANPA “A Braña” para o desenvolvemento dunha Escola de Deportes co obxecto de favorecer a práctica da actividade deportiva en idade escolar. Así mesmo, a Xunta de Goberno supuxo a aprobación dun vao permanente, dunha licenza de obra, dunha licenza de obra e apertura e de tres licenzas de primeira ocupación.

9 de marzo de 2015 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.