A Xunta cede ao Concello de Arteixo un treito de cinco quilómetros da estrada A Coruña-Sabón
O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa reunión dehoxe o decreto polo que se autoriza o cambio de titularidade dun treito da estrada AC-415, A Coruña-Sabón, que vai desde os puntos quilométricos 20+420 ao 7+680, a prol do Concello de Arteixo. Trátase dun tramo de máis de cinco quilómetros que comeza no límite de dito concello e finaliza na intersección coa estrada AC-552, na glorieta que dá acceso ao polígono de Sabón, atravesando ao seu paso varias travesías urbanas de poboación dos núcleos de Meicende, Pastoriza, Sol e Mar e Oseiro.
Para a tramitación deste cambio de titularidade séguese a tramitación prevista na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que regula os cambios de titularidade das estradas de titularidade autonómica ou treitos delas. Esta norma, que axilizou de modo importante a tramitación administrativa para estes procedementos, establece que deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
A entrega deste treito de estrada deberá formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no DOG, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Corresponderanlle ao Concello de Arteixo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos terreos sobrantes, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular dos terreos.
Nos últimos anos, a Xunta de Galicia executou importantes melloras nesta estrada no termo municipal de Arteixo, o que permite que hoxe se transfira a súa titularidade a esta entidade local nunhas axeitadas condicións para a súa xestión.
En concreto, levouse a cabo a mellora da seguridade vial na AC-415 Coruña-Sabón, no treito da travesía de Meicende e Pastoriza, entre os puntos quilométricos 1+600 ao 5+100. O investimento desta actuación acadou os 1.892.172,10 euros. Grazas a execución desta obra, fíxose unha importante rehabilitación do firme e melloráronse as interseccións.
Máis recentemente, no verán do pasado ano 2014, no marco dos traballos de conservación de estradas que realiza a Xunta de Galicia na rede da súa titularidade repintáronse todas as marcas viais da AC-415 no concello de Arteixo.