A Xunta arranxará o firme da avenida de Galicia e da travesía da Antiga Chacinera en Monforte nos vindeiros días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, explicou hoxe que este xoves darán comezo as obras de reparación do firme da Avenida de Galicia, en Monforte de Lemos, ás que seguirán a próxima semana as da reforma da calzada na travesía da antiga Chacinera.

Arias subliñou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 22.000 euros no arranxo integral do firme en 200 metros da estrada LU-933, na Avenida de Galicia, traballos que se enmarcan dentro do plan anual de obras de conservación da rede de estradas autonómicas.

As obras, que non puideron acometerse antes por mor da adversa climatoloxía, remataranse entre o xoves e o venres. A continuación, previsiblemente entre os días 16 e 19 de marzo, executaranse os traballos de mellora do firme na travesía da antiga Chacinera, que se enmarcan nun proxecto de reforma máis amplo que se ven desenvolvendo dende o pasado mes de decembro.

Neste caso, a Xunta inviste 80.000 euros para dotar á estrada dunha senda exclusiva para peóns na beiravía, que incremente a seguridade de todos os usuarios da vía. Esta actuación inclúe tamén a mellora do firme e da sinalización e a limpeza de marxes. Afecta a un tramo de preto dun quilómetro da LU-661, que abrangue dende o paso a nivel situado na Rúa Escultor Francisco Moure ata o cruce da devandita vía coa estrada LU-903,

Arias destacou o esforzo que está a realizar o goberno da Xunta na mellora da rede autonómica de estradas, “un impulso ás obras de infraestrutura –explicou- que persigue un dobre obxectivo: por un lado, mellorar as dotacións das nosas vilas e pobos e, por outra banda, procurar o mantemento do emprego nas empresas do sector a través de proxectos públicos”.

9 de marzo de 2015 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.