publicidade hoxe

A Xunta adxudica as obras do aparcadoiro disuasorio de Pontepedriña por 700.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar as obras para o futuro aparcamento disuasorio de Pontepedriña, no Concello de Santiago, por un importe de preto de 702.000 euros. A actuación foi adxudicada hoxe á empresa F. Gómez y Cía S.L., cun prazo de execución previsto de seis meses, e poderá esta concluída a finais deste ano.

A nova infraestrutura contará cunha situación privilexiada, que incidirá na accesibilidade dos cidadáns, xa que a parcela situase baixo o viaduto do ferrocarril, moi próxima á estación do tren e nas inmediacións do nó de Cornes, entre a SC-20 e a glorieta de Galuresa, polo que conta cunha boa conexión coa rede viaria e ferroviaria de Santiago. Trátase dun espazo que xa estaba a ser utilizado de forma habitual coma aparcadoiro, aínda que de forma non regulada.

O aparcadoiro estará formado por dúas zonas diferenciadas, separadas pola rúa escultor Camilo Otero e disporá de 184 prazas para vehículos (5 delas serán prazas reservadas a persoas de mobilidade reducida), ás cales se engaden 26 prazas para motocicletas.

A actuación compleméntase co acondicionamento da parada de bus situada na rúa de Amor Rubial baixo o viaduto do ADIF, que irá acompañada cun aumento do largo da beirarrúa na zona de parada, e a mellora da iluminación da contorna, coa finalidade de potenciar no posible a mobilidade e a utilización de medios de transporte colectivos.

Esta actuación está encamiñada a solucionar un dos problemas máis significativos da capital compostelá, como é a falta de espazo para aparcar e a intensidade de tráfico, con esta solución liberarase de vehículos particulares as rúas da cidade, logrando unha mellor mobilidade e facilitando así que os cidadáns se movan no transporte público.

Ao mesmo tempo, esta instalación tamén producirá unha mellora das condicións de mobilidade e accesibilidade das persoas ao promover infraestruturas que faciliten o intercambio entre modos de transporte e potencien a utilización de medios de transporte públicos e os desprazamentos menos contaminantes, co que se logra un beneficio na calidade de vida da cidadanía, con contornas urbanas seguras e mellor integradas co ambiente.

26 de marzo de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.