A Xunta achega 591.000 euros para a execución da primeira fase do saneamento nas parroquias de San Mamede e Santa Cruz en Vedra
O Consello da Xunta de Galicia aprobou a colaboración técnico-financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co Concello de Vedra para a execución da primeira fase das obras de saneamento e depuración nas parroquias de San Mamede e Santa Cruz.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, achega un importe de máis de 591.000 euros para a execución deste proxecto hidráulico, financiando así a totalidade destas actuacións.
Augas de Galicia, mediante estas actuacións, dotará dun sistema de saneamento colectivo as parroquias de San Mamede e Santa Cruz, que na actualidade empregan sistemas individuais ou verten as augas residuais directamente á cuneta. Neste sentido, darase solución aos problemas ambientais e de salubridade que se producen a día de hoxe.
Nesta primeira fase, executarase o saneamento dos núcleos de Neira de Arriba e Neira de Abaixo, ambos na parroquia de San Mamede de Ribadulla no Concello de Vedra, así como unha nova estación depuradora de augas residuais (Edar), e as instalacións necesarias para a futura conexión de Angustín, Vista Alegre, Agrelo, Outeiro, Lagoa, Sete e Tomonde, da parroquia de Santa Cruz de Ribadulla.
As actuacións que se realizarán consistirán nun treito do colector xeral, que discorrerá paralelo ao río Tomonde e terá unha lonxitude de 431 metros. Proxéctanse tamén seis novos ramais en PVC 315 mm cunha lonxitude total de 1.332 m, dos cales dous verterán directamente á nova Edar.
O colector xeral e os restantes ramais, verterán directamente ao novo bombeo de Neira que impulsará as augas recollidas á EDAR, para isto executarase unha nova impulsión para a totalidade das augas a través dun tramo de 41 metros de polietileno de alta densidade e 90 mm de diámetro.
A nova EDAR constará dos seguintes elementos:
– Pretratamento: sistema de desbaste de finos con limpeza automática e equipamento de deshidratación e compactación de residuos.
– Decantador – dixestor primario, cun volume de decantación 28,5 m³ e volume de dixestión de 44,25 m³.
– Tanque de flotantes: por gravidade recolle flotantes dende o decantador dixestor primario.
– Leito bacteriano de 6,5 m de diámetro e unha altura de recheo de 2,5 metros.
– Decantador – dixestor secundario: cun volume de decantación de 28,5 m m³ e un volume de dixestión de 33,9 m³ de dixestión.
– Arqueta de repartición: retornará parte do caudal depurado ao leito bacteriano.