A xuíza De Lara acode á sede de Monbus xunto a axentes de Aduanas
A titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, acudiu na tarde deste xoves á sede da empresa Monbus na capital luguesa acompañada dunha comitiva xudicial e de axentes de Vixilancia Aduaneira. En concreto, sobre as 15,00 horas a xuíza que instrúe a denominada ‘Operación Cóndor’ acudiu ás dependencias de Monbus en Lugo acompañada de funcionarios xudiciais e de axentes de Vixilancia Aduaneira.
A entrada nas oficinas da empresa produciuse despois de que pasado o mediodía esta mesma comitiva xudicial acudise á oficina do Banco Sabadell na céntrica rúa Progreso da cidade de Lugo, ata onde foi levado o presidente de Monbus detido, Raúl López, para a práctica dalgunha dilixencia.
Sobre as 15,00 horas varios coches, coa xuíza instrutora na comitiva, entraban pola parte de atrás de Monbus, no polígono da Louzaneta, onde efectivos de Vixilancia Aduaneira custodian o edificio precintado na súa entrada desde a pasada madrugada.
Raúl López é o único dos cincos detidos ata o momento que permanece en Lugo. Pasadas as 2,00 horas, no mesmo momento que entraban en Monbus, os axentes de Vixilancia Aduaneira conducíano aos calabozos da Comandancia da Garda Civil.
O empresario lucense mostrouse “totalmente tranquilo”, segundo dixo aos medios, tras saír da oficina bancaria á que foi levado este xoves. Sobre as 12,30 horas saía do calabozo e nun coche branco escoltado por axentes de Aduanas chegou á rúa Progreso, onde pasou máis dunha hora, ata as 13,45 horas, no medio dunha gran expectación.
DELITOS
No marco deste novo operativo da xuíza que tamén instrúe a ‘Pokémon’ investíganse delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e suborno.
Na ‘Operación Cóndor’ foron detidas, ademais de López en Lugo, outras catro persoas na localidade pontevedresa de Sanxenxo relacionadas co grupo empresarial presidido por este. Os investigadores non descartan novos arrestos.