A Winter Master Class porá en valor os oficios artesanais da pedra en Cabana de Bergantiños
A consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, apoia a celebración mañá venres e o sábado da Winter Master Class “Pasado, presente e futuro da pedra en Galicia”, que terá lugar no Centro de Interpretación Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños. Trátase dunhas xornadas de divulgación e de dignificación dos oficios artesanais da pedra, que forman parte do patrimonio cultural galego, unha iniciativa que vai na liña da estratexia de posta en valor da artesanía galega impulsada pola Consellería de Economía e Industria a través do Plan de Artesanía de Galicia.
A actividade está organizada polo Concello de Cabana de Bergantiños e conta coa colaboración, ademais da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, das Deputacións Provinciais da Coruña e de Pontevedra, da Secretaría Xeral de Turismo, da Escola de Canteiros de Pontevedra e mais da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.
O Centro de Interpretación Dolmen de Dombate, monumento megalítico de referencia en Galicia, albergará este encontro no que se analizará a realidade actual dos canteiros e do oficio, en base a unha perspectiva histórica, ao tempo que se realiza unha proxección do futuro da cultura e da actividade empresarial vinculada á pedra na nosa Comunidade Autónoma. A Winter Master Class “Pasado, presente e futuro da pedra en Galicia” está dirixida a escultores, canteiros, estudantes de estudos relacionados coa pedra, investigadores, empresarios da pedra e público en xeral.
A xornada de mañá, á que asistirá a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, será inaugurada ás 10:30, mentres que ás 11 terá lugar a conferencia inaugural “O oficio de escultor. Historia e presente”, a cargo de Miguel Sobrino González, escultor e debuxante da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. Despois é a quenda de Paulo González Díaz, profesor de cantería da Escola de Canteiros de Pontevedra, que modera a mesa redonda “Novas orientacións dos oficios da pedra en Galicia. Pasado e futuro”, no que participan Ricardo Antelo, escultor e canteiro, Manuel Ledo Bernárdez, experto en talla lítica prehistórica, Carlos Pita, arquitecto e presidente do Colexio Oficial de Arquitectos da Coruña, e José Ángel Lorenzo, xerente do Clúster do Granito.
Pola tarde, a partir das 17:00, celebraranse obradoiros a cargo de Manuel Ledo e dos canteiros participantes, e xa o sábado pola mañá, ás 11:00 horas, Juan Ramón Pérez Martínez, mestre de taller de pedra e madeira da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, impartirá o relatorio “A aprendizaxe e os estudos vinculados á pedra en Galicia. Perspectiva académica e práctica”. A continuación terá lugar a conferencia de peche a cargo dos escultores galegos José Manuel Castro e Manolo Paz.
O apoio a esta esta iniciativa de divulgación da cantería forma parte da estratexia integral de impulso ao sector artesanal que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, que vén de poñer en marcha o primeiro Plan de Artesanía de Galicia co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, e que inclúe iniciativas en diferentes ámbitos para a posta en valor do sector e dos diferentes oficios artesanais de Galicia.