A V Carreira Popular Torre de Hércules discorrerá en horario nocturno
O Concello, a través da área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa de que o luns, 23 de marzo, ás 23.30 horas, finaliza o prazo de inscrición para a V Carreira Popular Torre de Hércules, Trofeo José Antonio Varela Calviño, que se celebra o sábado, día 28. A proba xa conta con 3.158 inscritos (2.358 no circuíto de carreiras populares e 800 que xa se inscribiron nesta carreira) polo que é previsible que se alcance o obxectivo dos 4.000 corredores.
Entre as principais novidades da proba, que transcorre dende a explanada da Torre ata o Castelo de San Antón para regresar á Torre de Hércules (6.590 metros), destaca o feito de que se adaptou o horario para que a carreira sexa completamente nocturna. Así, as carreiras de menores celebraranse antes da absoluta e a hora de saída da absoluta atrasouse ás 19.50 horas, exactamente 3 minutos antes da posta total de sol desa xornada.
Así, os horarios de saídas e distancias serán os seguintes:
Xuvenil 17.15 horas 2.300 metros
Cadete 17.15 horas 2.300 metros
Infantil Feminino 17.40 horas 1.600 metros
Infantil Masculino 17.55 horas 1.600 metros
Alevín Feminina 18.10 horas 800 metros
Alevín Masculina 18.20 horas 800 metros
Benxamín Feminino 18.30 horas 800 metros
Benxamín Masculino 18.40 horas 800 metros
Pitufos 18.55 horas 150 metros
Absoluta 19.50 horas 6.590 metros
Para favorecer a participación, poñerase en marcha un servizo de ludoteca infantil para nenos e nenas de 0 a 11 anos, destinado aos fillos dos participantes na proba absoluta. Será no Frontón da Cidade Deportiva da Torre, en horario de 19.00 a 21.30 horas.
Ademais, outra das grandes novidades é que nesta proba se mantén o proceso de confirmación de asistencia iniciado na Popular de Novo Mesoiro, co obxectivo de coñecer o número real de corredores que asistirán á cita e evitar malgastar recursos. Así, todos aqueles runners que indiquen se estarán ou non na Popular Torre de Hércules entrarán nun sorteo de material deportivo. Os interesados terán que entrar nunha páxina a través dun correo electrónico que se lles enviará unha semana antes da proba. Unha vez alí, deberán confirmar a súa identidade e indicar se asistirán ou non á carreira así coma se farán uso do servizo de ludoteca.
A recollida de números será o propio sábado 28 de marzo no Frontón da Cidade Deportiva da Torre dende as 10.00 horas ata unha hora antes do inicio da carreira absoluta.
As inscricións poden realizarse a través de www.coruna.es/carreraspopulares ou www.championchipnorte.com. Tras esta carreira chegaralle a súa quenda á VIII Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma, o 28 de xuño; a III Carreira Popular Ventorrillo, o 12 de xullo; e a IV Carreira Popular Volta a Oza, o 9 de agosto.











