A travesía da Barreira, a nova praza de Soandres e as melloras do PEIM suporán unha inversión de 600.000 euros
A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse hoxe nunha sesión ordinaria na que foron adxudicadas obras por un importe total de case 600.000 euros.
Os proxectos de construción das beirarrúas na travesía de A Barreira e o referido á creación da nova praza pública nas inmediacións do mosteiro de San Pedro de Soandres serán financiados integramente con fondos propios municipais. Ambas actuacións están contempladas nos orzamentos xerais do Concello da Laracha do ano 2015 como investimentos reais.
Pola súa parte, as obras de renovación de estradas rurais incluídas no Programa de mellora de camiños de titularidade municipal que promove Agader cofinanciaranse con fondos procedentes da Xunta de Galicia.
Tralo acordo alcanzado hoxe polo grupo de goberno local, nos próximos días procederase ás formalizacións dos correspondentes contratos e, a continuación, estarase en disposición de iniciar as obras.
Travesia de A Barreira
Trátase do tramo larachés do proxecto de mellora da seguridade viaria coa creación da travesía A Barreira-Frión-A Cachada, actuación que afecta á zona de protección da estrada DP-0513 entre A Barreira e o límite co termo municipal de Arteixo.
O proxecto consiste na implantación dunha senda peonil que se conectará coa beirarrúa do núcleo de Estramil. A actuación realizarase a ambas marxes da vía e a lonxitude lineal da nova infraestrutura superará os 1.200 metros, alcanzando os 1,80 metros de anchura media.
Como elementos de seguridade, está prevista a construción de dúas escolleras graníticas nas marxes da senda co obxectivo de salvar o desnivel con respecto aos taludes resultantes. Tamén se contempla a correspondente sinalización horizontal e vertical incluíndo, entre outras actuacións, o pintado de pasos para peóns.
A nova infraestrutura contará coa canalización soterrada para a dotación de iluminación pública e o proxecto tamén inclúe a realización da rede de drenaxe de augas pluviais e a renovación das tubaxes existentes do servizo de sumidoiros.
Nesta actuación o Concello da Laracha investirá 240.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.
Praza en Soandres
Tamén con financiamento íntegro municipal será creada a nova praza pública multiuosos nas inmediacións do mosteiro de San Pedro de Soandres, proxecto ao que se destinarán 220.000 euros.
A praza acondicionarase tendo en conta dúas premisas esenciais: crear un amplo espazo público que, polas súas características e situación, poida ser empregado para diversidade de usos de interese comunitario, pero sempre respectando a protección patrimonal deste ámbito emprazado nas inmediacións dun dos conxuntos arquitectónicos –o mosteiro e a casa reitoral anexa- de maior relevancia e importancia histórica da comarca de Bergantiños.
O ámbito disporá de zonas verdes –que contarán con diversa vexetación e árbores autóctonos-, un percorrido peatonal perimetral e unha área libre pavimentada que se destinará a aparcadoiro de vehículos a maior parte do ano e a albergar os eventos festivos nas datas nas que se celebren. O trazado deste último ámbito responde a criterios de máximo aproveitamento das prazas de estacionamento e á comodidade e amplitude á hora do desenvolvemento dos actos multitudinarios.
Por tanto, a nova praza quedará perfectamente integrada no entorno no que se situará e garantirá a seguridade viaria ao ter claramente diferenciadas as áreas de circulación peonil e as rodadas, tendo ambas conexión directa coa estrada que dirixe ao convento e adaptándose á topografía do terreo.
Como servizos destacables, realizaranse as correspondentes melloras na rede de saneamento e abastecemento de auga, quedarán instalados tanto o rego por aspersión como a canalización eléctrica soterrada para a iluminación pública e dotarase á zona co correspondente mobiliario urbano.
PEIM
Salientar, por último, que tamén foron adxudicadas as obras incluídas no Programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014 (PEIM), plan que promove a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do plan PDR Galicia 2007-2013 e que conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Neste caso investiranse 135.000 euros na mellora de nove estradas rurais que destacan por rexistrar unha notable taxa de tráfico de vehículos agrícolas. En concreto, actuarase en dúas vías da parroquia de Lendo (O Rego e Escurido), outras dúas en Erboedo (Erboedo do Medio e Ramisquido) e cinco en Montemaior (Balvís, A Castiñeira, A Casanova, Santa Margarida e As Cernadas).











