A Torre de Hércules amplía o programa de visitas guiadas
O Consorcio de Turismo, que preside Luisa Cid, amplía a oferta das visitas guiadas á Torre de Hércules, dirixidas aos coruñeses e visitantes que desexen coñecer máis en profundidade o monumento Patrimonio da Humanidade, con novas sesións os sábados e domingos ás 16.00 horas.
Así, dende esta semana, as visitas terán lugar de martes a venres ás 16.00 horas e os sábados e domingos ás 12.00 e ás 16.00 horas. A participación será por rigorosa orde de inscrición ata completar o aforamento de 15 persoas. Para apuntarse é necesario chamar o 981 223 730.
A visita dos sábados inclúe unha actividade no Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV). Trátase dun programa de talleres pensado para un público familiar no que se explica a historia e a mitoloxía da Torre de Hércules de forma divertida.
Os talleres son Hércules, Gerión e outros heroes do montón, cuxo obxectivo é achegarse á mitoloxía do monumento para reflexionar sobre heroes mitolóxicos, históricos e sobre as pequenas heroicidades cotiás; Bruxuleando, onde aborda o significado e utilidade dos faros; e Promesas cumpridas, que se centra na figura de Illote Sevio Lupo e a inscrición latina que se garda no edículo da Torre de Hércules.
3.000 VISITAS DE ESCOLARES
O Consorcio de Turismo tamén introduciu novidades nas actividades para os nenos de Educación Infantil que visitan a Torre de Hércules cos seus colexios. Trátase de visitas centradas na función dos faros e nas que se enlaza o tema da Torre de Hércules e as súas lendas coa historia da cidade e o porto.
Así mesmo, dende este curso os centros escolares teñen a oportunidade de avaliar o servizo que presta a Torre de Hércules a través dunha enquisa de satisfacción que se ofrece a todos os profesores. As visitas escolares reciben unha media de 3.000 nenos ao longo do curso, tanto as organizadas en colaboración coa oferta de Coruña de Aventura, a través da Concellaría de Educación, coma as realizadas por iniciativa dos colexios.











