publicidade hoxe

A Sociedade Ximnástica mantén o seu gran nivel deportivo na primeira parte da tempada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Concluíu para a Sociedade Ximnástica a tempada de pista cuberta e campo a través cuns resultados magníficos, que referendan o feito de levar tres tempadas consecutivas sendo o mellor Club de atletismo de Galicia.

Nos Campionatos de Galicia baixo teito curiosamente conseguíronse o mesmo número de medallas que o curso pasado, con 57; aínda que esta vez foron menos preseas de ouro 26, fronte ás 31 de 2014. Nos Campionatos de España, outro ano máis se conseguiron postos de podio, abriu a veda Alberto Guerreiro cunha prata nos 800 metros da nacional Promesa; Jorge Puig conseguiu o seu primeiro cordón nacional con outra prata nos 1.500 metros do nacional júnior e Alberto Salcedo puxo a guinda ao pastel co ouro en 200 metros do campionato de España absoluto.

Nas competicións por equipos outro ano máis se acudiu á Copa do Rei de pista cuberta e os mozos reeditaron o seu título de Campión de Galicia, mentres que as mozas, tras varios anos de sequia, conseguiron un posto de podio ao quedar en terceiro lugar. A Federación Galega organizou o primeiro Campionato de Clubs de probas combinadas e a Ximnástica asinou un magnífico dobrete con vitoria masculina e feminina.

No campo a través os mozos foron terceiros no autonómico de cros curto, mentres que as mozas sumaron un fantástico segundo posto; ademais ambos os equipos acudiron ao nacional.

O vindeiro domingo en Vigo celébrase o Trofeo Reconquista de atletismo en pista, competición que dá, de maneira oficiosa, o pistoletazo de saída á tempada estival e o primeiro obxectivo para a Ximnástica será o Campionato de Galicia de clubs en pista o próximo 25 de abril.

25 de marzo de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.